Escoitar

Turismo promociona Vigo en tres feiras internacionais

martes, 21 xan 2003
imx2244.jpg
Museo do Mar
A Concellería de Turismo, no programa de promoción da cidade, ten previsto participar nas feiras internacionais Boot de Düsseldorf (Alemania), Bolsa de Turismo de Lisboa (Portugal) e Fitur 2003 (Madrid).

A concelleira Lílian Álvarez destacou que nos stands instalados se lles ofrecerá aos visitantes información sobre a oferta cultural de Vigo, centrada no Museo de Arte Contemporánea, pazo-museo Quiñones de León, Museo Etnográfico Liste e Museo do Mar, ademais das praias, da gastronomía e das Illas Cíes. Vigo recibiu, o ano pasado, preto dun millón de turistas o que supón unha importante fonte de emprego para os seus habitantes.

A Boot de Düsseldorf, que se celebra do 18 ao 26 de xaneiro, é unha feira de gran prestixio dentro do turismo náutico, especializada en deportes náuticos e que acolle tanto a profesionais do sector como a visitantes en xeral.

A Concellería de Turismo asistirá cun mostrador dentro do pavillón de Turespaña, como en anteriores edicións. Na pasada convocatoria ocupou unha superficie de 215.000 m2, con 1.682 expositores e 341.000 visitantes. Máis de 2.000 persoas achegáronse ao stand de Turismo de Vigo interesadas por un novo destino e, sobre todo, polos recursos da cidade no que respecta a demandas profesionais.

Na súa política de promoción e potenciación do turismo náutico, Vigo consolídase ano tras ano como destino turístico gracias á grande acollida que ten dentro do sector profesional nestes eventos.

A Bolsa de Turismo de Lisboa, que se desenvolverá do 22 ao 26 de xaneiro no recinto feiral do Parque das Naçoes, nos seus 55.000 m2 de exposición participarán 3.752 stands de máis de 90 países. Ademais, celebraranse seminarios técnicos, actividades culturais e gastronómicos que se realizan durante os días de exposición e converten a Bolsa de Turismo de Lisboa nun evento singular en Portugal e perfectamente integrado no circuíto de Feiras Profesionais de Turismo de ámbito internacional.

A proxección internacional de Portugal como mercado emisor e receptor de Turismo, o lanzamento de novos productos turísticos e publicacións da especialidade, a divulgación de novas imaxes promocionais, o recoñecemento do mérito turístico de entidades e personalidades nacionais, contactos e negocios son as compoñentes deste evento.

Turismo de Vigo asistirá como co-expositor con Turgalicia, para presentar a oferta turística da cidade diante dos máis de 20.000 profesionais e case 2.000 xornalistas que se darán cita neste evento.

Fitur 2003, que se celebrará do 29 de xaneiro ao 2 de febreiro no recinto feiral de Madrid, reuniu na súa pasada edición a máis de 9.500 empresas expositoras de 170 países onde presentaron os seus productos ante 95.000 profesionais do turismo que puideron coñecer de primeira man as novidades sectoriais, ampliando as súas relacións comerciais e profesionais e establecendo novas estratexias de futuro. Fitur brinda, sen dúbida, múltiples oportunidades de negocio.

Turismo de Vigo ocupará un espacio de 50 m2 dentro do pavillón de Turgalicia e terá a oportunidade de contactar con máis de 42.000 visitantes e 6.000 xornalistas acreditados, procedentes de distintos países.

Ante a gran presencia de profesionais do sector, Turismo de Vigo vai organizar unha degustación de ostras e mexillón da ría de Vigo co fin de potenciar a gastronomía da cidade e de afianzar os productos autóctonos no mercado. En total, repartiranse 300 Kg de mexillón e máis de 2.000 ostras. Esta degustación acompañarase de viño con denominación de orixe das ”Rías Baixas” e prolongarase durante a fin de semana.
Descargar todas as imaxes