Escoitar
Diversos actos de vandalismo causaron numerosos danos nestas zonas verdes

Parques e Xardíns executa un plan de mellora nos parques forestais

luns, 20 xan 2003
imx2239.jpg
Parque de Zamáns
Como consecuencia das últimas chuvias e dos actos de vandalismo cometidos recentemente, a Concellería de Montes, Parques e Xardíns desenvolve un programa de rehabilitación nos parques forestais que inclúe diversas plantacións, reposicións no mobiliario (mesas, bancos, barbacoas, etc.) e recollida e canalización de augas pluviais.

Os parques forestais cumpren unha función social que estimula o contacto coa natureza a través das numerosas posibilidades que ofrecen os lugares nos que estes parques están situados. A xente pode disfrutar da súa vexetación autóctona, dos seus miradoiros, mesas, bancos e barbacoas.

En Vigo hai 12 parques forestais que son O Vixiador (Candeán), Os Pozos (Valadares), Bembrive, Beade, Zamáns, Cepudo (Valadares), San Miguel de Oia, A Madroa (Teis), San Andrés de Comesaña, Saiáns, Coruxo e Bandeira (Cabral). Estes parques abarcan na súa totalidade una superficie de 73,466 Ha e están distribuídos ó redor do que é o núcleo urbán de Vigo, constituíndo así o gran pulmón da cidade.

Na actualidade estanse efectuando plantacións de carballos e bidueiros no parque forestal do Vixiador (Candeán), Beade e San Miguel de Oia. No Vixiador plantáronse 190 carballos e 30 bidueiros, en Beade 63 carballos e 17 bidueiros e en San Miguel de Oia 110 carballos. Tamén se están efectuando melloras nas recollidas de augas pluviais do parque do Monte dos Pozos.

O concelleiro de Parques e Xardíns, Henrique Vieitez, lamentou a multitude de actos vandálicos cometidos en 9 parques forestais. No Vixiador faltan unha grella, 3 columpios, cadeas e asentos, unha papeleira fixa, 4 colectores de lixo e hai desperfectos en dúas fontes: na Madroa deterioráronse 3 grellas, 2 columpios, cadeas e asentos, dúas papeleiras fixas e desperfectos en 3 grellas: en Beade unha grella e unha papeleira fixa: en Zamáns unha grella e tres colectores: en San Miguel de Oia falta unha grella e desperfectos nunha varanda: en Saiáns 3 colectores: en San Andrés de Comesaña unha grella e desperfectos nunha varandiña: no Cepudo 2 grellas, 3 colectores e desperfectos nun asador: e por último o parque máis castigado por estes actos é Os Pozos, aquí faltan 2 grellas, 3 papeleiras fixas, 5 colectores, 3 bancos e desperfectos en 2 asadores, un banco e nunha varanda do mirador.

Estes actos de vandalismo e roubo seguen provocando que o presuposto que puidera ser destinado a melloras teña que investirse nestas reposicións. O concelleiro pídeselles ós cidadáns que respecten e coiden os parques xa que moita xente disfruta neles agradables xornadas, sobre todo nas fines de semana.
Descargar todas as imaxes