Escoitar

O Concello destina máis de 700.000 euros á humanización das rúas Aragón e Gregorio Espino

As obras renovarán os pavimentos, a iluminación, as xardineiras e o mobiliario urbano así como o saneamento e abastecemento. A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a redacción do proxecto de renovación da rede de abastecemento de Teis nas zonas de Mimosa, Xorxa e Arnela e a adxudicación da xestión do albergue á Cruz Vermella por un prezo superior aos 3 millóns de euros.

venres, 11 nov 2016
A Xunta de Goberno Local aprobou este venres a contratación de varias obras de humanización como é o caso da fase cuarta da rúa Aragón cun orzamento superior aos 400.000 euros e un prazo estimado de 5 meses de obras para realizar, segundo o alcalde, "unha humanización de altísimo nivel cidadá". Contempla actuacións ao longo de 380 metros que incluirán asfaltado novo, a renovación do pavimento da beirarrúa, vaos e zonas de cruce, redes de saneamento e abastecemento, mellora da iluminación con 14 novos puntos de luz LED, xardineiras e arborado, reordenación das prazas de aparcamento, paradas de bus e taxi e espazos para servizos de limpeza.

Tamén recibiu luz verde a proposta de aprobación das obras na rúa Gregorio Espino fase II, entre Travesía Pino e a rúa San Roque, por un importe de case 400.000 euros para saneamento, abastecemento, beirarrúas, alumeado, mobiliario urbano así como a renovación dos muros de formigón armado que delimitan as entradas do túnel. Así mesmo, recibiu luz verde a redacción do proxecto de renovación da rede de abastecemento na parroquia de Teis. Fase 3, que supoñerá actuacións nas zonas de Mimosa, Xorxa e Arnela.

Adxudicación da xestión do albergue
A Xunta de Goberno Local aprobou a proposta de adxudicación da contratación do servizo do Centro Integral de Inclusión Social, situado na rúa Marqués de Valterra, á Cruz Vermella por un prezo de 3.101.000 euros para un período de catro anos. Abel Caballero explicou que o Concello presta no albergue os servizos de comedor social todos os días, servizo de hixiene, pernoctas, atención na rúa durante o día, piso básico de acollemento, piso de transición á vida autónoma e centro de día, mantendo un convenio cos Misioneiros dos Irmáns Pobres cando é preciso. Tamén reiterou que Vigo é a "cidade coa máis importante política social de España", unha partida que se verá incrementada no caso do albergue xa que os presupostos de 2017 contemplan un incremento dende os 670.000 euros actuais aos 830.000 euros.