Escoitar

O alcalde sinala que Vigo ten o IBI máis baixo das cidades galegas

Caballero explicou que o Concello goza dunha cota de IBI un 50% máis barata ca o resto das cidades galegas, xa que "non se subiron" os valores catastrais das vivendas dende o ano 1993. Respecto á Coruña, Vigo paga un 17% menos de IBI cun recibo medio anual de 298,40 euros, fronte aos 349,77 dun coruñés.

xoves, 10 nov 2016
O rexedor informou este xoves que o recibo medio de IBI que paga a cidadanía viguesa se sitúa nos 298,40 euros anuais, mentres o da Coruña está en 349,77 euros, polo que é un 17% máis caro ca o vigués, que debe asumir unha cota media un 20% menor que a coruñesa. Así, sostivo que o Concello ten "de longo o IBI máis baixo de Galicia"

Segundo apuntou ante os medios de comunicación, esta media de pagamento polo IBI é posible porque en Vigo os valores catastrais corresponden aos do ano 93 "non se subiron nin os subimos nos 10 anos que levo como alcalde, nin fixemos catastrazos".

Caballero realizou unha comparativa do IBI que se aboa nas diferentes cidades galegas empregando como exemplo unha vivenda tipo de entre 90 e 150 metros dun primeiro piso situada en rúas céntricas. Así, en Vigo un domicilio da rúa do Príncipe pagaría un recibo medio anual de IBI de 308,70 euros; en Ourense, na rúa Progreso a cota sería de 540 euros (75% máis caro ca en Vigo); na Coruña o recibo na rúa Real situaríase en 480 euros, sendo un 56% superior ao da cidade olívica); en Santiago, na rúa Alfredo Brañas, unha vivenda pagaría 510 euros (65% máis alta); na rúa Benito Corbal de Pontevedra, a cota sería de 448 euros, un 45% máis ca en Vigo e na rúa Real de Ferrol, o recibo ascendería a 346,50, un 12% superior ao vigués, segundo expuxo o rexedor. Así, coa análise que expuxo, Vigo ten un IBI arredor do 50% máis barato ca no resto das urbes galegas.