Escoitar

O alcalde destaca a "cooperación" da Deputación de Pontevedra na posta en marcha da UNED en Vigo

Abel Caballero e a presidenta da Deputación de Pontevedra asinaron este luns o convenio para a realización das obras de acondicionamento do espazo da UNED no Auditorio Mar de Vigo para as que a Deputación achegará un máximo de 800.000 euros. Carmela Silva amosou a súa "satisfacción" polo acordo que, dixo, "é unha proba de que o protocolo de colaboración co Concello vai en serio".

luns, 9 mai 2016
1462796858uned.JPG
O rexedor de Vigo e a presidenta da Deputación de Pontevedra asinaron este luns o convenio de colaboración para a realización de obras de acondicionamento do novo espazo da UNED e para o subministro do mobiliario do mesmo cunha achega de 800.000 euros por parte do ente provincial.

Abel Caballero describiu o acto como un "día moi importante pola gran sensibilidade á hora de entender a cooperación" entre o Concello e a Deputación de Pontevedra, algo que "non sucedera nunca", dixo, ata que chegou á súa presidencia Carmela Silva, a quen agradeceu o investimento realizado para o proxecto da UNED e recoñeceu a súa "presenza activa na cidade. Así mesmo, o alcalde confirmou que o vindeiro curso a "UNED íntegra" será trasladada ao Auditorio Mar de Vigo co seu grande salón de lectura que será de uso para toda a mocidade viguesa.

Carmela Silva, amosou a súa satisfacción como presidenta da Deputación e como primeira tenente de alcalde de Vigo e viguesa e referiuse a este primeiro convenio co goberno local como "a proba clara e contundente de que o protocolo de colaboración ía moi en serio" e apuntou que "a realidade sempre é o mellor para cuestionar a quen pretende facer ruído exclusivamente. Creo que a Deputación debe investir en Vigo ao igual que fai nos 61 concellos restantes da provincia. É unha obriga e é de xustiza facelo".

O próximo curso a UNED ofrecerá 13 títulos na cidade e a formación de acceso para persoas maiores, xa que aos graos que se imparten na actualidade: Dereito, Enxeñería en tecnoloxías da información, Enxeñería informática, Turismo e Educación Social, súmanse oito novos: Estudos Ingleses: lingua, literatura e cultura, Administración e dirección de empresas, Ciencias Ambientais, Psicoloxía, Ciencia Política e da Administración, Pedagoxía, Xeografía e Historia e Historia da Arte.
Descargar todas as imaxes