Escoitar

Air Nostrum propón cambiar de Bruxelas a París o voo que comeza a operar en Vigo en xullo

A aeroliña vén de propoñerlle ao Concello o cambio de destino a París, durante este ano 2016, mantendo as frecuencias e as prazas previstas no contrato, ante a imposibilidade de garantir a plena actividade do aeroporto de Bruxelas no verán tras os atentados do pasado 22 de marzo. A proposta será valorada con informes técnicos municipais e levada á Xunta de Goberno que ten a "última palabra".

xoves, 7 abr 2016
Abel Caballero explicou este xoves que Air Nostrum vén de propoñerlle ao Concello a substitución do voo Vigo-Bruxelas polo voo Vigo-París ao aeroporto Charles de Gaulle. Este cambio non afectaría ao período de funcionamento establecido no contrato inicial gañado pola aeroliña, nin ás frecuencias e tampouco ao número de prazas ofertadas.

Segundo a proposta realizada por Air Nostrum, o voo entre o aeroporto vigués e o francés Charles de Gaulle estaría operativo entre os meses de xullo e setembro, con dúas frecuencias semanais, tal e como estaba previsto no contrato inicial, e afectaría soamente ao exercicio de 2016. A compañía argumenta que non é posible comezar a operar a ruta Vigo-Bruxelas en previsión de que o aeroporto da capital belga non estea operativo ao cento por cento durante o verán, polo que achega esta proposta de substitución ao goberno municipal.

O alcalde sinalou que o cambio de Air Nostrum será "considerado e valorado" polos técnicos municipais e que será levado á Xunta de Goberno que ten "a última palabra" para tomar unha decisión ao respecto. Destacou que se trata "dunha causa de forza maior e entendible" que impide operar á compañía con normalidade. Caballero afirmou que lle "gusta a proposta pero é unha opinión persoal", aludindo a que isto significaría "retomar" o voo de Vigo a París, especialmente co aeroporto Charles de Gaulle "de conectividade e importante para a cidade", sen desbotar a posibilidade de que esa ruta sexa recuperada por Air France.