Escoitar

Caballero anima a todo Vigo a despedir en Samil aos participantes da XVII edición da Vig-Bay

O alcalde de Vigo animou a todo Vigo a achegarse a Samil o domingo pola mañá para participar "na gran festa do deporte" que vai ser a saída dos participantes da Vig Bay. Esta media maratón cumpre este ano a súa XVII edición con máis de 5.300 participantes.

mércores, 6 abr 2016
1459943251vigbay.JPG
O domingo 10 de abril máis de 5.300 corredores sairán de Samil como participantes da XVII edición desta media maratón. O rexedor animou a todo Vigo a achegarse "a gran festa do deporte" na que se vai converter esta saída un ano máis. Durante a presentación, Caballero enfatizou na importancia da seguridade, augurou un gran éxito para esta competición e reclamou coordinación con outras probas similares no resto de Galicia para que todas teñan o seu propio espazo no calendario. A saída para participantes con diversidade funcional está prevista ás 10,15 horas e quince minutos máis tarde arrancarán o resto dos corredores.

Os participantes poderán comprar un dorsal solidario que este ano será en beneficio de Adrovi (Asociación de doadores e receptores de órganos de Vigo) e o Banco de Alimentos recollerá achegas durante o sábado e o domingo.

Na rolda de prensa de presentación o alcalde estivo acompañado polos alcaldes de Nigrán e Baiona, Juan González e Ángel Rodal, respectivamente, así como polo delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves e o presidente do club de corredores e organizador, Eduardo Vieira.

Descargar todas as imaxes