Escoitar

O Concello tramitará con axilidade o informe para que Citroen poida desenvolver o seu proxecto industrial en Balaídos

Abel Caballero celebra como "moi boa noticia" que se garanta o avance de Citroen e que se "resolva" o problema derivado da anulación do PXOM que non permitía á factoría consolidar o proxecto da furgoneta K9. Zona Franca solicitou ao Concello o informe para poder aplicar a reforma da Lei do Solo a eses terreos, un informe que será "preceptivo e vinculante" e que se resolverá positivamente.

martes, 5 abr 2016
Abel Caballero informou este martes de que o Concello recibiu por parte da Consellería de Economía o Expediente para a Petición de informe en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese para desenvolver as actuacións de consolidación en el Polígono Industrial de Balaídos. No documento, o Consorcio da Zona Franca de Vigo solicita que se aplique a reforma da Lei do Solo á situación actual dos terreos que posúe Citroen en Balaídos.

Seguindo o procedemento destes casos, o expediente someterase a exposición pública durante 20 días a partir da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia. O Concello recibirá as alegacións feitas no período de exposición e emitirá un informe que "será preceptivo e vinculante" xa que será ese informe municipal "o que decida se a petición de Zona Franca é aceptable aos efectos da modificación da Lei do Solo e pode tramitarse por esta vía singular permitindo a acción dos proxectos industriais de Citroen", segundo explicou o rexedor.

Caballero sinalou que o goberno local "comparte enteiramente o proxecto Citroen e queremos que consiga a K9 e as outras producións e terá o informe positivo e aceptado ao seu proxecto". Así, en canto o Concello emita o informe "quedará resolto o problema causado pola anulación do PXOM" que impedía a concesión da licenza para construír as naves que a factoría precisaba para asumir a produción da furgoneta K9 e optar a novas cargas de traballo. O alcalde engadiu que o Concello estará en condicións de garantir "o avance de Citroen ao 100% nun mes" cualificando a situación de "moi boa noticia".