Escoitar

Declaración do Concello de Vigo no Día internacional contra a violencia de xénero

luns, 25 nov 2002
imx2038.jpg
Corporación

A violencia de xénero é a manifestación máis extrema da desigualdade entre homes e mulleres. Maniféstase de formas diversas: con desprezos, con insultos, con ciumes e ameazas e ás veces, con demasiada frecuencia, con asasinatos. Non é un problema persoal e privado que sofren algunhas mulleres, víctimas de relacións tortuosas e agresivas. É un problema social e político derivado das relacións de poder desiguais que diferencian e determinan o papel que homes e mulleres ocupamos na sociedade, e que atenta directamente contra a integridade física e psicolóxica das mulleres.

Non podemos ser cómplices desta violencia nin desde as institucións nin desde a nosa vida privada. É necesario deslexitimar e ilegalizar a violencia sobre as mulleres e colaborar activamente na súa erradicación, incluíndo dentro das estratexias desta loita a transmisión de valores de igualdade e a transformación das leis e normas que fomentan a desigualdade, e como consecuencia a violencia.

O Concello de Vigo, consciente da súa responsabilidade, elaborou e aplicou un Plan de Intervención Municipal para combater a violencia contra as mulleres. A nosa cidade dispón dun Centro Municipal de Información dos Dereitos da Muller e dunha Casa de Acollida para mulleres maltratadas. Como cidade solidaria que somos contamos cunha Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, activo movemento de axuda ás víctimas da violencia de xénero que non ten parangón noutros lugares.

Sen embargo, todo este entramado de axuda cívico institucional non abonda para eliminar do noso contorno os condenables agromos de violencia contra as mulleres. É imprescindible unha maior implicación de toda a sociedade no reto de erradicar dunha vez os malos tratos. É hora de que homes e mulleres manteñamos unha actitude valente e decidida contra a violencia de xénero, evitando complicidades, rexeitando xustificacións, denunciando cada un destes casos e tamén protexendo ás víctimas, poñendo dende as institucións públicas todos os medios necesarios para garantir a súa seguridade e tranquilidade.

A Violencia por razóns de xénero é unha lacra social, un problema de todos e todas nós. Non ollemos para outro lado. Fagámoslle fronte dende o noso compromiso persoal.
Descargar todas as imaxes