Escoitar

Mocións aprobadas na sesión plenaria

luns, 25 nov 2002
Aprobáronse as mocións que solicitaban a inclusión de Vigo nas publicacións oficiais da Xunta para a promoción do Xacobeo 2004, a adhesión á ”Revisión legal para a investigación con células nai”, a ampliación do horario das vodas civís no pazo museo Quiñones de León e diversas melloras no ámbito educativo.

A Corporación acordou, por unanimidade, solicitarlle á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia a inclusión de Vigo e os seus Camiños en tódalas publicacións oficiais da Xunta para promociona-lo Xacobeo e que se inclúan nas axudas económicas que se outorguen o amparo do Xacobeo 2004.

Ampliaranse os horarios das vodas que se celebran no pazo-museo Quiñones de León, contemplando en todo caso a celebración de ceremonias polas tardes. Ao tempo, o Goberno organizará as quendas de persoal necesario e regulará a axeitada retribución dos funcionarios municipais que na actualidade atenden a celebración desas vodas.

Demandarase da Consellería de Educación a reducción da ratio en educación infantil e primaria e a reapertura das unidades suprimidas en varios centros da cidade, a cobertura das baixas do profesorado e a contratación de persoal de apoio necesario desde o inicio do curso, o acceso ao transporte escolar do alumnado de tres anos e a ampliación das prazas nos ciclos formativos autorizando a creación de máis dun grupo nos ciclos con demanda.