Escoitar

Chamamento á participación nos actos do 25 de novembro, Día contra a violencia sobre as mulleres

venres, 22 nov 2002
O Día internacional contra a violencia sobre as mulleres, que se celebra o 25 de novembro, congregará ás 12:00 na praza do Rei aos interesados en denunciar e combater estas agresións. ”Esta é a primeira vez que o Concello de Vigo convoca este acto, dentro da campaña deseñada para facer visible e denunciar a violencia física e o maltrato psicolóxico”, afirmou a concelleira da Muller, Ana Gandón.

”Ademais da violencia física con manifestacións visibles, existe outra sen marcas que consiste no maltrato psicolóxico, cando unha parte da parella desautoriza á outra e se cre con dereito a interferir na vida da muller”, explicou Gandón. ”Resulta frecuente que cando chega o golpe físico, veña precedido da violencia psicolóxica”, sinalou a concelleira.

A campaña de comunicación realízase mediante cartelería insertada na flota de autobuses urbanos e nas emisoras de radio. Ademais, celebrarase en decembro o ”Congreso de intercambio de boas prácticas en materia de violencia” que, nesta edición, dedicarase á prevención e contará con profesionais especializados neste ámbito.

Unha unidade didáctica co tema ”O corpo como campo de batalla”, paralela ás Xornadas das Mulleres Veciñais, que principiarán o martes 26 de novembro no centro cultural Caixanova, distribuirase nos centros educativos de secundaria.

Ana Gandón fixo un chamamento tamén á participación na convocatoria das asociacións de mulleres que celebrarán o seu acto o luns 25 de novembro ás 20:00 fronte o Museo de Arte Contemporánea.

Na Casa de Acollida municipal pasaron máis de 550 mulleres nos últimos anos de Vigo e da súa área de influencia. No que vai de ano, cinco mulleres perderon a vida en Galicia víctimas da violencia de xénero.