Escoitar

Os voluntarios do Concello continúan limpando a praia de Figueiras, en Cíes

venres, 22 nov 2002
imx2021.jpg
Areal nas Cíes
Os voluntarios que o Concello de Vigo envía cada día ás illas Cíes están a centrar o seu traballo na limpeza da praia de Figueiras. Os equipos de traballo tentan recuperar as “galletas” de fuel que están agochadas baixo a area. Para iso utilízanse unhas cribas proporcionadas polo Concello coas que os voluntarios peneiran a area ata atopar as minúsculas bolas de fuel que soterrou a acción das mareas. Este método, moi laborioso, é o recomendado polos expertos franceses na loita contra mareas negras que asesoraron ao Concello. Aínda que moi lento, este sistema evita que se cause un grave prexuizo ás praias retirando grandes cantidades de area con maquinaria.

Por outra parte, técnicos municipais e investigadores da Universidade de Vigo acompañaron hoxe a un equipo norteamericano que está a probar en Mougás unha técnica para a rexeneración da costa afectada pola marea negra por medio da utilización microorganismos. O sistema consiste en fomentar o desenvolvemento dos microorganismos que xa existen na costa para que descompoñan o carburante depositado nas rochas de forma máis rápida da que sería natural e sen causar danos colaterais.
Descargar todas as imaxes