Escoitar

Mocións sobre o desastre ecolóxico provocado polo petroleiro Prestige

luns, 25 nov 2002
Os grupos do BNG, PSOE e Provi aprobaron a seguinte moción sobre o vertido contaminante do petroleiro Prestige.

Mostrar a solidariedade do pobo de Vigo e da corporación cos concellos e cidadáns da costa galega que están a padecer as consecuencias da traxedia.

Mostrar a máis enérxica repulsa á desastrosa xestión da catástrofe do Prestige realizada polo Goberno do Estado e polo Goberno da Xunta de Galicia, pondo de manifesto unha falta absoluta de previsión, a carencia dun plan operativo de emerxencia, unha permanente desinformación, unha enorme descoordinación, decisións nunca ben explicadas nin xustificadas, así como un déficit irritante de medios e recursos de loita contra a marea negra.

Instar ás autoridades do Goberno central a que teñan a resposabilidade política e os medios adecuados e que poñan en marcha os medios técnicos necesarios para impedir que a marea negra siga avanzando sobre as nosas costas. Esíxese, en particular, que se instalen na ría de Vigo as barreiras de protección adecuadas que impidan o avance cara o interior desta marea que, de penetrar, afectaríalle irremediablemente ao Parque Nacional das Illas Atlánticas e á riqueza paisaxística e pesqueira do noso contorno.

Instarlle ao Goberno do Estado a actuar con dilixencia á hora de reparar e indemnizar os danos provocados polo Prestige e solicitar do mesmo o pagamento de percepcións salariais, a exención no pagamento das cotizacións á Seguridade Social, desgravacións fiscais, moratoria no pagamento de créditos hipotecarios e persoais e cobertura do sistema público de seguros para actividade pesqueira polo tempo no que dure as consecuencias deste sinistro.

Instarlle ao Goberno do Estado a que estableza controis e inspeccións adecuados tanto sobre os barcos que recalan nos portos galegos como sobre os que transitan polo dispositivo de separación de Fisterra para asegurar o cumprimento das condicións de seguridade e aplicar unha política preventiva, especialmente no relativo ao transporte marítimo de mercadorías perigosas.

Instar ao Goberno do Estado a que realice a prolongación e distanciamento do dispositivo de separación do tráfico nas costas de Galicia, especialmente para os buques que transporten mercadorías rerigosas.

Instar ao Goberno do Estado a aumentar os medios materiais e humanos do dispositivo de seguranza e salvamento marítimo operantes dende Galicia para que se poidan realizar debidamente os labores de prevención e control, ademais das de salvamento e loita contra a contaminación.

Instar ás institucións comunitarias e ao Estado a:
-Dotar as costas galegas das infraestructuras e medios en materia de seguridade e salvamento marítimo acordes á súa situación xeográfica e o tráfico que a diario navega polo corredor marítimo internacional situado a 21 millas das costas galegas.
-Poñer en práctica unha regulación estricta que impida os buques con pavillón de conveniencia eludir normas e controis estrictos en materia de seguridade marítima e laboral.
-Adiantar as datas na que tódolos petroleiros deban ser construídos con dobre casco.
-Situar a sede da Axencia Europea da Seguridade Marítima en Galicia.
-Revisar e aplicar estrictamente as normas internacionais relativas a formación das tripulacións e as condicións de traballo e vida a bordo.
-Adoptar medidas urxentes para a reparación dos danos no sector productivo e no medio ambiente.
-Mobilizar, con carácter de urxencia, o Fondo Europeo Especial para Catástrofes creado neste mes de novembro pola comisión e o Parlamento europeos, a fin de axudar ás empresas afectadas e moi particularmente aos profesionais do mar.
-Ampliar de inmediato o Memorando de París para a inspección do 100% dos buques que transportan mercadorías perigosas.
-Instar á Unión Europea a que dote de forma inmediata un fondo de indemnización dos danos causados pola contaminación por hidrocarburos en augas europeas (Fondo COPE) previsto no paquete de medidas ERIKA II e a recurtar os prazos máximos previstos para a entrada en vigor das normas incluídas nese paquete de medidas e, así mesmo, a adaptalas con urxencia ao ordenamento xurídico estatal.

Instar á Xunta de Galicia a que, no ámbito das súas competencias, adopte todas as medidas necesarias para minimizar o impacto ambiental do vertido e asegurar a recuperación en breve prazo dos recursos marisqueiros e pesqueiros da zona afectada, así como a concesión directa de axudas e a actuar ante as instancias competentes para depurar as responsabilidades do sinistro e procurar a rápida e xusta satisfacción das perdas ocasionadas. En concreto, deberase elaborar un plan de reactivación económica das comarcas costeiras afectadas en colaboración cos concellos, empresas, organizacións sindicais, confrarías, asociacións de mariscadores e outros axentes sociais a fin de sentar as bases para un desenvolvemento sostido e prolongando no tempo. Deberase elaborar tamén un plan especial en colaboración cos concellos afectados de recuperación ambiental que permita a súa recuperación biolóxica e paisaxística no menor tempo posible.

Instar ao Goberno do Estado a establecer un organigrama de salvamento marítimo en Galicia, que conte coa participación da Xunta de Galicia e da Dirección Xeral da Mariña Mercante, para incrementar a eficacia dese servicio.

Apoiar todas as accións e mobilizacións tendentes a conseguir estes acordos e particularmente prestar o apoio á mobilización cidadá do 1 de decembro de 2002 en Santiago de Compostela.

Trasladar os acordos acadados a tódalas institucións competentes na materia obxecto da presente moción, UE, Goberno central e Xunta de Galicia.

Moción que reproduce o acordo do Congreso dos Deputados, aprobada por unanimidade no Pleno

A corporación acordou que se estudie se é tecnicamente posible que a separación do tráfico para este tipo de buques discurra máis afastada da costa para garantizar a seguridade en caso de accidentes.

Que a implantación da esixencia de dobre casco para este tipo de buques se realice de forma inmediata.

Que se localicen zonas de refuxio predeterminadas en alta mar para casos de emerxencia que non poñan en risco o medio ambiente e a vida na costa.

Que se revisen todas as normas e programas de inspección aumentando a súa extensión.

Que se supriman en Europa territorios exentos dos controis establecidos pola Unión Europea que operan como paraísos nos que se incumpren as normas de seguridade.

Que se cree un fondo europeo para indemnizar estes danos cunha contía e axilidade suficientes.

Que se continúe a mellora dos medios de salvamento e loita contra a contaminación seguindo o acordado no Plan Nacional de Salvamento Marítimo 2002-2005 aprobado polo Goberno, con especial atención a Galicia.

Que se exerciten tenazmente as accións xurídicas nacionais e internacionais posibles para que os responsables paguen e compensen estes danos, accións que o Goberno puxo en marcha desde o primeiro momento a través da Avogacía do Estado e do Ministerio de Asuntos Exteriores.

Que se constitúa con carácter urxente unha Comisión Interministerial con participación dos ministerios con competencias relativas aos danos causados polo accidente do buque Prestige, encargada de coordinar as actuacións destes departamentos entre si e coas actuacións que, en relación cos mesmos danos realicen a Xunta de Galicia e as entidades locais afectadas.

Que a Administración Xeral do Estado estableza as conversas precisas cos sectores afectados a fin de asegurar que as medidas a adoptar responden adecuadamente ás necesidades dos mesmos.

Que con toda urxencia se elabore un Real Decreto Lei de medidas urxentes para facerlles fronte ás consecuencias económicas e sociais para todos os afectados, no que se contemple:

-Cobertura económica suficiente para todos os colectivos afectados durante o tempo que se estendan as consecuencias do sinistro (mariscadores, mariñeiros, empresas de acuicultura e comercializadores)
-Exención total de pagos á Seguridade Social
-Exención doutros impostos estatais (IRPF e Sociedades) para as persoas e empresas afectadas
-Moratoria de créditos persoais e hipotecarios
-Campañas publicitarias sufragadas con fondos públicos para recuperar a imaxe das zonas afectadas como destino turístico

Estudiar urxentemente, en colaboración coa Xunta de Galicia, a situación do ecosistema mariño e a súa evolución e elaborar un plano para a súa recuperación integral, dotado das partidas económicas suficientes para a súa execución coa participacion dos sectores que viven do mar especialmente as confrarías de pescadores.

Que polo MAPA, a través do FROM, se artellen campañas de promoción dos productos da pesca, da acuicultura e do marisqueo procedentes da Comunidade Autónoma de Galicia, facendo especial fincapé na calidade, seguridade e salubridade dos mesmos.