Escoitar

O goberno de Vigo ultima o inicio en quince días de obras por valor de 321.000 euros

O alcalde informou este venres da aprobación dos últimos trámites administrativos previos ao inicio, en aproximadamente dúas semanas, dos traballos de reparación do muro na traza do Canal de Eiras, do ancheamento do estreito da Pidival, na Avenida Santa Mariña e a humanización de Marqués de Valterra.

venres, 19 feb 2016
A sesión deste venres da Xunta de Goberno Local validou os últimos pasos administrativos para o inicio, no prazo estimado de quince días, de tres obras na cidade que suman un orzamento de 321.000 euros.

Así, o Concello validou os plans de xestión de residuos, de seguridade e saúde das obras de reparación do muro na traza do Canal de Eiras (camiño Condesa Torrecedeira, Cedeira e Redondela) e da humanización de Marqués de Valterra (de Gaiteiro R. Portela ata o número 31), por importe de 60.000 e 181.000 euros respectivamente. En terceiro lugar, o goberno que encabeza Caballero nomeou ao coordinador de seguridade e saúda da obra do ancheamento do estreito da Pidival, na Avenida Santa Mariña, cun investimento de 80.000 euros.