Escoitar

O goberno de Vigo amplía o "Camiño a Camiño" pola súa décima edición

Entre febreiro e xuño, o programa municipal de educación ambiental ofrecerá rutas, hortas urbanas, voluntariado medioambiental e cursos de formación. O Concello suma novidades, como acampadas nas Cíes, rutas pola Ribeira Sacra, unha nova horta-escola en Ramón Nieto, o acondicionamento de tres novos sendeiros locais e formación sobre vida saudable.

xoves, 11 feb 2016
Para celebrar a décima edición do programa de educación ambiental "Camiño a Camiño", o goberno de Vigo propón unha ampla e novidosa oferta entre febreiro e xuño, que combina os percorridos medioambientais e as hortas urbanas co voluntariado ambiental e os cursos de formación.

Como novidades, o Concello incorpora este ano unha fin de semana de acampada nas Illas Cíes, para familias e para adultos, con actividades programadas como a observación do ceo; e oferta rutas ambientais pola Ribeira Sacra, con percorridos por viñedos e visita a unha adega. O "Camiño a Camiño" tamén suma unha nova horta-escola en Ramón Nieto (que reservará espazo para os usuarios máis experimentados), iniciará o acondicionamento de tres novos sendeiros locais (no Monte da Guía, Cabral e Valladares) e impartirá cursos de formación sobre alimentación saudable e a viticultura galega.

Rutas medioambientais
A primeira actividade prevista nesta décima edición será o domingo 28 de febreiro, con inscripcións no 010 desde o luns 22, e percorrerá o curso alto da conca do Lagares. Será a primeira das vinte actividades organizadas, semanalmente, ata o 19 de xuño.

O programa medioambiental propón 11 rutas por Vigo e bisbarra (por concas fluviais, sendeiros locais e serras próximas), 4 saídas a Cíes (dúas dunha xornada e outras tantas de fin de semana para adultos e familias), 4 saídas por Galicia (dúas travesías polos Ancares e outras dúas pola Ribeira Sacra) e a que será a terceira Andaina polos Montes de Vigo, o próximo 15 de maio cunha asistencia estimada nuns 1.500 camiñantes.

Hortas urbanas
O 23 de febreiro o goberno de Vigo retoma as hortas-escola e o 5 de marzo comezan os tres turnos do curso básico necesario para solicitar un espazo. O "Camiño a Camiño" dispón de 13.000 metros cadrados nas de Navia, Pedro Alvarado, Fontáns, Sardomela e Camelias, e habilita unha nova horta-escola en Ramón Nieto para novos usuarios. Desta, unha parte será para novos participantes e outra para aqueles con máis dun ano de experiencia e a autonomía necesaria para xestionar unha parcela maior. En función da demanda, o Concello non desbota adicar unha parte da horta-escola de Sardomela para usuarios experimentados.

Voluntariado medioambiental
Xunto ao das hortas urbanas, o goberno de Vigo inicia o 23 de febreiro as actividades nos espazos de interese medioambiental do Concello e nos sendeiros locais da cidade. Os primeiros son o Lagares, a Bouza, as praias, o monte da Guía e as Illas Cíes, onde se levará adiante a erradicación de prantas invasoras e repoboación das autóctonas, limpeza dos espazos protexidos e a sensibilización á cidadanía. O voluntariado medioambiental do "Camiño a Camiño" xa está traballando no Monte da Guía, recuperando un espazo invadido pola acacia negra e habilitando o sendeiro que antes percorría a ladeira do monte ata Punta Lagoa. Na Semana Santa e no verán, grupos de voluntarios estarán nas Cíes, en tarefas de erradicación, conservación e limpeza.

No tocante aos sendeiros locais, abordarase ao principio o acondicionamento dos xa trazados (nos dous últimos anos lévanse preparado seis, aparte do GR-53) para arrancar despois cos tres previstos para este ano: o do Monte da Guía, o de Cabral e o de Valadares.

Cursos de formación
Aos habituais cursos de hortas e de voluntariado medioambiental previstos para o mes de marzo, nesta edición incorpóranse dous cursos novos relativos a temas de vida saudable: "alimentación saudable no almorzo, xantar e cea" e "viticultura en Galicia: aprender a diferenciar os nosos viños".


O "Camiño a Camiño" no 2015
1.839 novos inscritos (en total, 7.095 persoas participaron nalgunha ocasión no "Camiño a Camiño")
6.000 usuarios nas rutas
303 participantes na formación
145 participantes nos cursos de hortas urbanas e 581 inscritos nas hortas-escola
6.240 horas de voluntariado: 156 participantes nos cursos e 302 nas accións
375 participantes no Día dos Humedais
1.261 asistentes á 2ª Andaina polos Montes de Vigo


Toda a información detallada das actividades da nova edición están dispoñibles no apartado de Medioambiente da web do Concello de Vigo -www.vigo.org- e tamén no teléfono gratuito 010, numero no que facer tamén a inscripción.

Máis información