Escoitar

Caballero indica que Retro Galicia mostra "a cultura automobilística da cidade"

Este mércores, durante a presentación do VI Salón de Vehículo Clásico e de Época, que terá lugar este sábado e domingo no IFEVI, o alcalde saudou este evento "importantísimo" en Vigo, como "cidade do automóbil". A cita prevé reunir 600 vehículos clásicos, máis de cen expositores e unha ampla presenza de clubs e coleccionistas.

mércores, 10 feb 2016
1455110040retro.JPG
Abel Caballero invitou a toda a cidadanía a subir ao IFEVI esta fin de semana ao Retro Auto&Moto Galicia, o VI Salón do Vehículo Clásico e de Época, "unha mostra moi importante da cultura automobilística da cidade" que contará coa asistencia de "milleiros de afeccionados" procedentes de Galicia, Asturias e do norte de Portugal.

O alcalde vigués presentou este mércores a feira xunto ao director xeral de Eventos del Motor, José Enrique Elvira, de quen Caballero eloxiou ser unha "persoa que sempre está, nos momentos máis sinxelos e nos máis difíciles". A cita reunirá máis de 600 vehículos clásicos de profesionais e particulares, agardando a organización a visita duns 18.000 afeccionados.

Entre as actividades destacadas pola organización atópanse a presentación do mítico "Alpinche" (tras 40 anos retirado tras un accidente), unha homenaxe ao "Deltona" (Lancia Delta HF Integrale), unha retrospectiva sobre BMW, un stand dos modelos que cumpren 25 anos presentados na primeira edición do Salón do Automóbil de Vigo e o X Rally de Clásicos.

Segundo explicou Elvira ante os medios, a entrada xeral ten un prezo de oito euros e os menores de 10 anos accederán de balde ao recinto. Aqueles condutores e acompañantes dos vehículos clásicos que acudan ao IFEVI, así como os asistentes ás concentracións terán unha entrada reducida a 5 euros.

A feira exhibirá máis de 120 vehículos clásicos, entre eles algúns particulares, e ofrecerá á venda polo menos a metade, xa que este segmento converteuse nun referentes para inversores que contemplan que ademais dunha afección, o valor dos vehículos crece cada ano.

O certame volverá ocupar o pavillón número 3 do recinto do IFEVI con máis de 10.000 m2 de exposición e manterá a súa estrutura tradicional, cun área de exposición de vehículos, un área comercial para os afeccionados e propietarios de vehículos, con acceso a cambios de pezas, recordos e manuais, entre outros produtos.

Descargar todas as imaxes