Escoitar

O Concello inaugura o alumeado de Nadal en 229 rúas con máis de 2 millóns e medio de lámpadas

Este venres 27 de decembro ás 19:00 horas na Porta do Sol celébrase o acto de inauguración da iluminación de Nadal da cidade que será a "máis importante da historia de Vigo" en palabras do alcalde, quen explicou que se estenderá a rúas que antes non contaban con luces e que se reforzará noutras ata un total de 229, cun custo que supera os 400.000 euros. O alumeado estará activo todos os días ata o 6 de xaneiro desde as 18:00 horas da tarde e ata a 01:00 da mañá, con ampliación de horario dende as 18:30 e ata as 08:00 horas a mañá os días 24, 25 e 31 de decembro e o 1, 5 e 6 de xaneiro.

xoves, 26 nov 2015
As rúas de Vigo lucirán dende mañá venres o alumeado de Nadal que prenderá Abel Caballero nun acto que se desenvolve ás 19:00 horas do serán na Porta do Sol e que contará coa actuación do Coro Infantil dos Colexios de Vigo. Para o rexedor este ano será "a vez que máis rúas estarán iluminadas na historia da cidade" xa que, segundo explicou, o ano pasado o Concello fixo unha ampliación "moi importante" á que neste 2015 se engaden máis como é o caso de Tomás Alonso (no tramo entre Peniche e a Praza da Industria), México, Porto Rico, Padre Feijóo, II República, Barcelona, Zamora e Zaragoza (tramo novo), a rúa Gran Vía, que se reforza con arcos, ao igual que as rúas Camelias e Rosalía de Castro e tamén se aumentará o alumeado en Pintor Colmeiro e nas parroquias do Concello.

Abel Caballero destacou que a iluminación das rúas viguesas conta "con máis de 2 millóns e medio de lámpadas, unha cifra sideral", cun total de 2.030 arcos e motivos, unha cantidade superior aos 1.900 do ano anterior, o que supón un incremento de máis do 5%. O alumeado, conformado por lámpadas de baixo consumo, está presidido pola grande árbore emprazada na Porta do Sol que mide máis de 27 metros de altura. O custo das luces supera os 400.000 euros.

Segundo informou o rexedor, as luces estarán acendidas todos os días dende as 18:30 da tarde ata a 1:00 da madrugada e amplíase nas datas máis significativas: os días 24, 25 e 31 de decembro e o 1, 5 e 6 de xaneiro desde as 18:30 ata as 8 da mañá. A iluminación retirarase o 6 de xaneiro. Ademais, Caballero adiantou que durante o Nadal haberá 60 actuacións de grupos en todas as zonas comerciais da cidade: rondallas e grupos folclóricos cunha "presenza moi significativa de animación" na rúa durante este período de vacacións.