Escoitar

O goberno de Vigo iniciará nunha semana os pagos a 1.828 familias para vivenda, enerxía e alimentación

Así o avanzou este mércores Abel Caballero, quen recordou que o Programa Municipal de Axudas Extraordinarias a Familias adica 2 millóns de euros para que quen máis o precisa poida facer fronte aos seus pagos de aluguer ou hipoteca, a electricidade, o gas e a alimentación. "A min gustaríame que noutras cidades tomaran exemplo", asegurou o alcalde.

mércores, 25 nov 2015
O alcalde de Vigo asegurou este mércores que o Concello iniciará nos próximos sete días os pagos correspondentes ao Programa Municipal de Axudas Extraordinarias a Familias, despois da aprobación da resolución da convocatoria na sesión da Xunta de Goberno Local do pasado luns.

"A min gustaríame que noutras cidades tomaran exemplo", asegurou Caballero, xa que só Vigo conta cun plan destas características, un programa específico -dotado de 2 millóns de euros- para que as familias con menos recursos poidan afrontar os seus pagos de vivenda (tanto de aluguer como de hipoteca, atrasos incluídos), de subministros eléctricos (electricidade e gas) e de alimentación.

A resolución da convocatoria do programa municipal contempla pagos a 1.500 familias para vivenda, axudas para electricidade e gas que recibirán 1.079 beneficiarios e abonos a 1.121 solicitantes para gastos de alimentación. As axudas son complementarias e os beneficiarios poden percibir apoio económico para os tres conceptos previstos: vivenda, enerxía e alimentación.