Escoitar

Manel Fernández di que o Memorial Belarmino Alonso de cross deste domingo "é o de máis sona"

O Memorial Belarmino Alonso entra en escena este domingo (10:15 horas) para abrir a tempada de campo a través en Galicia e tamén para pechar un ano fantástico do Comesaña Sporting Club, o do seu centenario (1915-2015).

martes, 24 nov 2015
1448372770manel.jpg
Manel Fernández, concelleiro de Deportes, presentou hoxe o evento acompañado polo presidente do club atlético, Belarmino Alonso, e das atletas Sandra Mosquera, Soledad Castro e Sara Pérez.

O responsable do deporte local definiu a proba de federados, para todas as idades dende categoría benxamín (anos 2007 e 2008) ata promesa-sénior (nacidos en 1996 e anteriores), como "unha das de máis sona", e lembrou que este evento, patrocinado polo Concello de Vigo e a Deputación, festexa cen anos de historia "dun club señor, con gran prestixio, presenza e historial que non só é pasado e presente senón tamén futuro do atletismo".

Con máis de cincocentos atletas xa inscritos (o prazo remata este xoves ás 20:00 horas), as carreiras desenvolveranse en San Andrés de Comesaña, ao carón do campo da Xunqueira, "o seu lugar habitual", explicou o concelleiro, e a competición promesa-sénior masculina e feminina terá premio económico "interesante" para os cinco primeiros clasificados. Haberá 400 euros para o gañador e a mesma cantidade para a vencedora, repartíndose en total 1.800 euros.

Sara Pérez, que nesta oportunidade non poderá participar por lesión, anunciou que na categoría masculina haberá inscritos "de nivel" co ourensán Alejandro Fernández, Akka Essadoui, Hassan Lekhili, Iván Docampo ou o portugués Jorge Santa Cruz, mentres que Sandra Mosquera anunciou a presenza da Armada do Comesaña (ela mesma, Sofía Freaza, Soledad Castro e Estela Estévez), de adversarias de calidade como Iria Fernández ou Leticia Fernández, vencedora en 2014, e da triatleta venezolana Joselyn Brea, "que creo que é a principal favorita", sinalou.

Pola súa banda, Soledad Castro espera que esta carreira, como peche dun ano de celebracións, "teña un significado especial", e anunciou que ela seguirá participando no memorial "ata que o corpo diga basta".

Belarmino Alonso, presidente da entidade, destacou que en 2015 o club realizou "actos bastante significativos" polo centenario, o que tamén recoñeceu Manel Fernández: "Fixeron grandes probas e actos moi concorridos".

O Memorial será tamén nesta edición fase zonal do campionato provincial en idade escolar (programa Xogade), polo que de cadetes para abaixo "haberá moita participación", subliñou Alonso.
Descargar todas as imaxes