Escoitar

O Concello demanda un incremento da inversión dos presupostos do Estado en Vigo

A Corporación estima que as partidas consignadas para Vigo no proxecto de orzamentos para o ano 2016 son "insuficientes" e que existen outros investimentos necesarios que non quedan recollidos no documento. Ademais, o Pleno deu luz verde a unha moción socialista que demanda ao Ministerio de Facenda que dite as instrucións necesarias para que o teito de gasto teña en conta o estado de gastos do orzamento en execución.

martes, 8 set 2015
A Corporación viguesa aprobou hoxe dúas mocións de carácter económico que demandan o aumento do investimento estatal na cidade e a modificación do cómputo do teito de gasto para que non afecte aos concellos coas contas saneadas, como é o caso de Vigo.

O Pleno aprobou este martes, coa abstención dos populares e da Marea de Vigo, a moción presentada polo grupo municipal do PSdeG-PSOE na que se insta ao goberno do Estado a promover un "aumento significativo en diversas dotacións orzamentarias previstas nos Presupostos Xerais do Estado para o ano 2016". O edil de Fomento, David Regades, enumerou as insfraestruturas e proxectos nos que as partidas consignadas son "insuficientes" como é o caso das reservadas para a realización da liña de alta velocidade ferroviaria entre Vigo e Ourense por Cerdedo, a humanización da Avenida de Madrid, as obras para promover no eixo atlántico a realización do tramo ferroviario entre Vigo e a fronteira portuguesa ou a futura conexión por autovía libre de peaxe entre Vigo e Pontevedra. Así mesmo solicítase unha "dotación maior para o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo e a inclusión no proxecto dos presupostos estatais de investimentos que son demandados pola cidade como a recuperación da fronte litoral da praia de Samil ou Alcabre e a realización da Biblioteca viguesa". Tamén se insta ao goberno central a que especifique a achega da administración central ao financiamento do museo MARCO.

Pola súa parte, o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, expuxo a necesidade de cambiar as esixencias para elaborar e executar os orzamentos municipais, porque "o teito de gasto non ten en conta a situación dos concellos con débeda pública residual ou inexistente, como é o caso de Vigo". Por iso, o Pleno Municipal insta "ao Ministerio de Facenda a que dite as instrucións necesarias para que o cómputo do teito de gasto teña en conta o estado de gasto dos orzamentos de acordo cos datos do orzamento en execución, elaborado en situación de equilibro orzamentario e non de acordo cos do último exercicio pechado". A moción do grupo municipal socialista foi respaldada pola Marea de Vigo, mentres que o Partido Popular se abstivo na votación.