Escoitar

A Corporación aprobou incrementar a partida de produtividade aos traballadores públicos

Cos votos favorables de PSOE e Marea de Vigo, o Pleno acordou este martes incrementar a partida de produtividade en 825.000 euros, unha proposta elevada polo goberno de Vigo atendendo ás condicións salariais do persoal municipal. A Corporación tamén deu luz verde á modificación orzamentaria para sufragar os custos dos contratos de recollida de lizo e limpeza viaria.

martes, 8 set 2015
Co respaldo dos grupos socialista e da Marea saíu adiante a proposta de incremento da partida de produtividade, un aumento de 825.000 euros con cargo á partida orzamentaria de créditos non consumidos que non afecta polo tanto ao gasto de 2015.

O edil de Facenda, Jaime Aneiros, explicou que esta medida se corresponde ao cumprimento das condicións salariais e da lei de orzamentos, modificación que se sufraga coa reserva económica destinada ás prazas vacantes que non se poden cubrir pola taxa de reposición imposta polo Goberno de España. Cuestionado polos grupos da oposición sobra a Oferta de Emprego Pública do Concello de Vigo, o concelleiro municipal avanzou que sairá adiante no mes de novembro e cubrirá o 50% de reposición de postos de traballo, o máximo que recolle o proxecto de lei de orzamentos do Estado elaborado para o próximo ano.

A Corporación de Vigo tamén deu luz verde esta mañá á modificación orzamentaria de 3,8 millóns para sufragar os custos dos contratos de recollida de lixo e limpeza viaria, desta volta cos votos favorables dos socialistas, a abstención da Marea e a oposición do PP.

Jaime Aneiros argumentou no debate que a modificación responde ao previsto na lei de contratos e nos pregos de condicións, é un servizo de prestación obrigatoria que se fai con cargo aos remanentes de 2014, non afectando polo tanto ao gasto municipal para este ano. A Marea manifestou as súas dúbidas sobre os prezos propostos polas empresas e o PP acusou ao goberno local de non controlar ás concesionarias, ao que o concelleiro de Facenda respondeu que a modificación faise dentro da legalidade, que se audita ás empresas e os seus custos, ao tempo que recordou que os contratos foros asinados a inicios da década pasada por gobernos de distinta cor política.