Escoitar

Caballero asegura que as escolas infantís de Navia e Mestres Goldar poden abrir "mañá" e urxe á Xunta a autorización

O alcalde reclamou este luns a autorización da Xunta de Galicia para que o Concello poida abrir as escolas infantís de Navia e Mestres Goldar, xa concluídas, con partida orzamentaria e adxudicada a súa xestión. Caballero recordou que, sumando as 162 prazas destas dúas, o Concello ten máis do dobre de vacantes de educación infantil que á chegada de Caballero á Alcaldía.

luns, 7 set 2015
1441628002Visitagarderiatomasalonso.JPG
Tras unha visita á escola infantil municipal de Tomás Alonso por mor do inicio do curso, Abel Caballero manifestou que á súa chegada ao goberno de Vigo había catro escolas infantís municipais con 300 prazas ofertadas; hoxe os centros son oito e superan o dobre de vacantes, con case 700 prazas ofertadas. O alcalde apuntou que as municipais contan con "prezos significativamente menores" aos de calquera outra institución pública, e citou como exemplo que nas da Xunta de Galicia pode pagarse ata 230 euros, cando o tope municipal é de 124 euros.

O alcalde de Vigo recordou que os orzamentos municipais reservan 1,5 millóns de euros para as escolas infantís do Concello, que a administración local subvenciona preto do 85% do custo da praza por alumno e recordou que máis da metade dos usuarios están exentos de pago.

Caballero urxiu á Xunta de Galicia a autorizar o funcionamento das xa rematadas de Navia e Mestres Goldar. "Empezamos a ter a sensación de que a Xunta de Galicia está a boicoter activamente a súa apertura", afirmou o primeiro edil, porque a documentación foi remitida "hai moitas semanas". Con 162 prazas en total, ambas contan con partida orzamentaria e están adxudicadas, polo que "as escolas municipais se poden abrir mañá", concluíu o rexedor vigués.
Descargar todas as imaxes