Escoitar

O goberno de Vigo renova o acordo para entregar de balde 1.600 entradas aos partidos do Celta

Abel Caballero informou deste acordo adoptado este venres en sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local. O Concello dá continuidade unha temporada máis a este programa, que permite o acceso a Balaídos de principalmente escolares de Primaria e persoas con menos recursos, ademais de discapacitados e voluntarios.

venres, 4 set 2015
A Xunta de Goberno Local celebrada este venres aprobou as bases reguladoras e a convocatoria para as entradas á Bancada Concello-Celta do estadio municipal de Balaídos, na tempada 2015-2016.

Segundo informou Abel Caballero, os beneficiarios deste programa son fundamentalmente os escolares de Primaria dos colexios públicos da cidade (1.300 entradas), ademais de 245 para persoas con poucos recursos económicos, 35 máis para persoas con discapacidade e 20 a voluntarios.

Engadíu o alcalde vigués que o custo total da proposta é algo superior aos 300.000 euros, que sufragan ao 50% o Real Club Celta de Vigo como o Concello. Abel Caballero subliñou o "éxito notable" colleitado por esta iniciativa na pasada tempada.