Escoitar

Declaración do Concello de Vigo con motivo da morte de Manuel Jiménez

luns, 7 mai 2001
Tras un tempo de silencio, que a todos os que amamos a paz nos pareceu apenas un instante, ETA volveunos amosar o seu selo de morte. Os terroristas non quixeron deixar pasar a campaña electoral en Euskadi sen facernos oír o ruído das armas, deixando constancia da súa funesta presencia. A democracia non ten sentido para ese grupo de violentos e por iso pretenden condicionar a liberdade de elección dos vascos facendo patente a súa constante ameaza.

Manuel Jiménez foi desta volta quen pagou coa súa vida o delicto de non pensar como ese fato de fanáticos. Coa súa familia, amigos e compañeiros de partido está hoxe o noso pensamento solidario. Pero en lugar de Manuel puido ser calquera outro, porque todos nós somos potenciais obxectivos de ETA. Simplemente por pensar de forma diferente, por querer exercer a nosa liberdade, estamos no punto de mira deses asasinos.

Porque a razón está da nosa parte: porque uns poucos non poden impoñernos as súas ideas pola forza: porque a defensa dos dereitos humanos está por riba de calquera outra consideración: porque estamos convencidos de que a tolerancia, o respeto aos demais, o diálogo e a unidade entre os demócratas son valores que debemos defender: por todo iso temos que mantérmonos firmes ante a chantaxe terrorista.

Os vigueses e viguesas seguiremos respondendo ante as accións terroristas, amosando a nosa total repulsa mediante actos coma este ou coma o que se desenvolverá este serán na rúa do Príncipe convocado pola asociación Vigo pola Paz, concentración na que animamos a participar a todos. Queremos convivir en paz, nunha sociedade democrática presidida polo respeto aos demais. Esa é a mensaxe que proclamaremos sempre que sexa necesario.


VIGO, 7 de maio de 2001