Escoitar

A mocidade será a principal destinataria das campañas de Normalización Lingüística

venres, 4 mai 2001
A Comisión Cidadá de Normalización Lingüística acordou elixir a mocidade como destinataria das actividades propostas, xa que diversos informes sociolingüísticos destacan que o tramo de idade dos 0 ós 16 anos é no que máis recúa o uso da lingua galega.

Emprenderase unha campaña de promoción da lingua ligada ós ámbitos deportivo e das novas tecnoloxías, de forma coordinada con cinco concellos galegos. Persoeiros vencellados ó deporte participarán no programa de fomento do galego entre a xuventude. Distribuirase un manual de léxico deportivo e material divulgativo sobre o tema. Presentarase tamén un libro sobre informática e internet.

A concelleira de Normalización Lingüística Carme Martínez-Corbalán destacou o alto grao de colaboración das persoas que traballan, de forma voluntaria, desde as distintas asociacións a prol da lingua galega.

Hoxe clausúranse as actividades da campaña ”¿Xogas?, en galego podemos”, destinada a nenos menores de seis anos, para comezar proximamente coa celebración dos ”Sábados infantís” nun centro comercial vigués e coa organización dun encontro que analizará a situación da lingua no ámbito do deporte, comunicación, comercio, sanidade e mar.

Chegouse a un acordo tamén coa Mesa pola Normalización Lingüística para configurar un censo dos comercios que usan o galego cos seus clientes, co obxectivo de deseñar unha estratexia para premiar esa actitude de fomento da lingua.

Carme Martínez-Corbalán sinalou que o departamento de Normalización Lingüística do Concello de Vigo aínda non obtivo resposta da sinatura do convenio coa Dirección Xeral de Política Lingüística sobre o plan de actividades previsto para este ano, para o que se destinan 3.000 millóns de pesetas na comunidade galega. ”Para realizar os cambios que necesita este país en materia de normalización lingüística é precisa a cooperación de tódalas institucións”, sinalou a concelleira.