Escoitar

O Concello reconstruirá o muro da estación

xoves, 3 mai 2001
O alcalde de Vigo, Lois Pérez Castrillo, anunciou que o Concello se encargará de reconstruír a parte do muro da estación de ferrocarril que se derrubou o pasado 30 de marzo. O Concello asumirá esta tarefa ante a reticencia de Renfe a facerse cargo da obra. Castrillo dixo que o Concello lle pedirá a Renfe que asuma o custo dos traballos.

Os servicios técnicos municipais elaborarán o proxecto de reconstrucción do muro, que será executado por unha empresa contratada ao efecto. O Concello pretende que o custo dos traballos corra a cargo de Renfe xa que, aínda que o muro foi construído pola Administración local en 1967, parte da zona que debe ser acondicionada pertence á compañía ferroviaria e ademais será afectada pola construcción da nova estación de ferrocarril. O alcalde vai someter nos próximos días a aprobación da Corporación municipal un convenio con Renfe no que se establecerán as características fundamentais que deberá ter esa nova estación.