Escoitar

O programa de prevención de drogodependencias ”Cinensino” chega a 14 centros escolares vigueses

xoves, 3 mai 2001
O programa ”Cinensino”, englobado no contexto da educación para a saúde, utiliza a proxección de filmes como base para o traballo a desenvolver na aula de cara a reducir os factores de risco no consumo de estupefacientes. En Vigo participaron 1.168 alumnos e 49 profesores de 14 centros escolares, o que representa o 16% dos que tomaron parte neste programa en Galicia.

O plan, emarcado nas accións da Concellería de Benestar Social, que achegou 10 millóns de pesetas para a súa aplicación, está dirixido á poboación escolar de primeiro e segundo de Ensino Secundario Obrigatorio co obxectivo de potenciar a protección no consumo de drogas. Consta de unidades didácticas para o traballo na aula, dun curso de formación en prevención de drogodependencias para o profesorado e dunha avaliación de resultados.

As unidades didácticas xiraron, neste curso, sobre a publicidade e a presión do grupo. Ofreceuse tamén información que deben coñecer os adolescentes para tratar a problemática do consumo de drogas, mediante exercicios e actividades que, ó tempo, fomenten a discusión e o debate na aula.

O curso de formación en prevención de drogodependencias para o profesorado realizouse a través de internet. Ofrecéronselles unha serie de coñecementos básicos sobre drogodependencias de maneira que poidan desenvolverse con soltura no tratamento desta problemática e servir de punto de referencia, sólido e fiable, ante as expectativas que poidan xurdir desde o alumnado. Este curso foi optativo para os profesores participantes no programa e está homologado pola Consellería de Educación con 32 horas de formación, 20 teóricas a través dunha plataforma de teleinformación en internet e 12 prácticas que se desenvolven co traballo de aula.

A avaliación do programa consiste na aplicación dunha metodoloxía que permita realizar unha análise e seguimento de procesos e de resultados, para determinar os cambios que se produciron nos alumnos de cara a ter un coñecemento profundo do programa que permita introducir cambios e melloras que posibiliten, nun futuro, obter un rendemento máis axustado e mellor.