Escoitar

Vigo Zoo contrata unha empresa para prestar os servicios de despacho de billetes os sábados, domingos e festivos

venres, 4 mai 2001
O presidente do organismo autónomo Vigo Zoo decidiu contratar unha empresa para que preste os servicios de despacho de billetes os sábados, domingos e días festivos nas instalacións do zoolóxico da Madroa a partir do 5 de maio. Amador Fernández adoptou esta decisión ante a negativa dos traballadores a realizar ese labor, o que ocasionaba graves prexuízos económicos ao organismo autónomo.

O presidente de Vigo Zoo anunciou a súa vontade de chegar a un acordo cos traballadores do organismo para que estes acepten modificar o seu horario e se poida prestar o servicio durante a fin de semana e os días festivos. Nese sentido, mantense a oferta realizada ao colectivo e aceptada inicialmente por este: compensar con 16.000 pesetas cada dous meses a cada operario como contrapartida por aceptar modificar o seu horario de traballo coa fin de cubrir as quendas de fin de semana. Esta compensación manteríase ata que se realizase a avaliación de postos de traballo, na que xa se determinarían as características da xornada e a retribución económica de cada posto.