Escoitar

O alcalde valora positivamente a ampliación dos percorridos dos buses ao CUVI

O alcalde de Vigo valorou satisfactoriamente as melloras introducidas no servizo de autobús urbano á Cidade Universitaria, que comezaron a operar este mércores. Desde hoxe, as lanzadeiras U1 e U2 amplian os seus percorridos, con tres novas viaxes á primeira hora desde Bouzas, Navia e Teis, e a creación de dúas novas paradas na Gran Vía.

mércores, 18 feb 2015
A ampliación do servizo de autobús urbano ao CUVI comezou a operar esta mañá con normalidade, segundo indicou Abel Caballero. Tendo en conta que esta semana non existe a actividade universitaria habitual por mor das festas do Entroido, un total de 40 persoas empregaron hoxe os novos percorridos das lanzadeiras U1 e U2, habilitados por Vitrasa e o Concello de Vigo.

Desde esta maña, tal e como recordou o alcalde de Vigo, o autobús urbano á Cidade Universitaria ofrece tres novos puntos de recollida á primeira hora da mañá. Trátase dos seguintes:

U1, que iniciaba o seu percorrido en Praza de América, arranca agora de dous novos puntos de saída: Bouzas (Igrexa) ás 08.12 horas e seguirá por Camilo Veiga; e Navia (Teixugueiras, 29) ás 08.04 horas e continuará por Coia (Porriño, 9) e Avda. Castelao.
U2 realizará ás 08.02 horas unha nova viaxe, iniciando percorrido en García Barbón, 126 e realizando o seguinte traxecto: Sanjurjo Badía – Buenos Aires – Travesía de Vigo – Pizarro – Avda. Madrid – Universidade.

Ademais, o goberno local e a concesionaria incluíron dúas novas paradas en Gran Vía que están en funcionamento a partir das 09.07 horas no caso da U1 (Gran Vía, 142) e das 08.00 horas no caso da U2 (Gran Vía, 151) para recoller aos usuarios. Outra das novidades do servizo é que, nas viaxes de regreso do campus, a U1 agora prolóngase ata Praza de España e a U2 continúa ata as inmediacións de Praza de América.

Para facer chegar a información aos usuarios, Vitrasa e Concello están a entregar 2.000 folletos explicativos, ademais de colgarse toda a documentación na páxina web da empresa e nas súas redes sociais. A diario empregan as dúas lanzadeiras ao CUVI máis de 3.000 persoas.