Escoitar

O alcalde anima á participación na Gran Bikedada, este domingo, que chegará ata o encoro de Eiras

Abel Caballero anunciou a celebración este domingo da segunda edición da Gran Bikedada, unha proposta ciclista "con dimensión de vida saudable", explicou o rexedor, e que sairá da zona do Náutico ás 9:00 horas para chegar ata o encoro de Eiras, en Fornelos de Montes e regresar ao momento de partida.<br />

mércores, 4 feb 2015
1423058964bikedada.JPG
O alcalde celebrou que xunto a el mesmo e ao concelleiro de Deportes, Manel Fernández, estivesen hoxe presentes varias lendas do ciclismo. Así, acudiron á rolda de prensa figuras como Álvaro Pino, Ezequiel Mosquera, José Ángel Vidal, María Jesús Barros e Delio Fernández, único deles aínda en activo, e os presidentes da Federación Galega de Ciclismo, Carlos Muñiz, o C.C, Vigués (Carlos Vidal), o C.C. Teis (José Antonio Ramos) e o C.C, Coruxo (Rosi Martínez), todos eles colaboradores da proba.

A Gran Bikedada, unha marcha para bicicleta de montaña, ofrece tres posibilidades, dende os 40,1 quilómetros da ruta de medio fondo e os 62,9 da de fondo aos 84,8 quilómetros do percorrido de gran fondo, e a recaudación que se consiga irá destinada a un proxecto solidario da Red Concordia na aldea Magdalena, en San Agustín de Acasaguastán (El Progreso, Guatemala).

O alcalde, que animou á participación dos afeccionados (a inscrición segue aberta ata o sábado), estimou que o domingo sairán máis de medio milleiro de ciclistas nesta proba non competitiva.

Como bo afeccionado ao ciclismo que é e aproveitando a presenza de Álvaro Pino, Caballero lembrou que cando tiña 7 ou 8 anos viu un final de etapa en Ponteareas con protagonismo local (Emilio Rodríguez sería terceiro ese día e gañaría a clasificación da montaña) e "érame imposible pensar que anos despois lle daría a copa de campión da Volta a Pino en Xerez, tras gañar ese ano a contrarreloxo final ao campión".

O xefe do goberno vigués coincidiu con Pino ante o micrófono do xornalista José María García, momentos antes daquela contrarreloxo, "e o vin cun nivel de concentración tal que o ciclista foi incapaz máis que de contestar con monosílabos. Era a expresión da concentración total. Na súa bicicleta parecía un bloque de aceiro", dixo Caballero.

José Xagarós, coordinador do evento, que se achega xa aos 600 inscritos, explicou que este é "un proxecto integral que suma a personalidades coñecidas do mundo do ciclismo coa masa silenciosa, persoas anónimas que o disputan e o luns están traballando nas súas oficinas".

Pino, pola súa banda, pediu "que non faga o frío do ano pasado", agradeceu "o apoio municipal" e considerou a Gran Bikedada como "unha festa extraordinaria". A edición de 2014 "foi case épica polo frío, a choiva e o barro", concluíu Xagarós.
Descargar todas as imaxes