Escoitar

Concertos, espectáculos infantís e unha carreira popular, entre as novidades do Concello para o Entroido

Abel Caballero detallou este mércores o programa municipal para o Entroido 2015 que dará comezo o venres, 13 de febreiro. O pregón correrá a cargo de Mario Vaquerizo, haberá concertos das Nancys Rubias, Kiko Veneno e varias orquestras, actividades infantís en distintos puntos da cidade e unha carreira popular, entre as principais propostas.

mércores, 4 feb 2015
1423056871entroido.jpg
O alcalde explicou esta mañá as principais propostas do Concello para a celebración "dun gran Entroido" este ano, que comezará o venres 13 de febreiro para rematar o mércores, 18 de febreiro.

O goberno local programa o chamado EntroidNenos entre as novidades máis salientables, unha proposta para os máis pequenos que levará obradoiros, animación, música e filloas a puntos da cidade como o Calvario, Teis ou Bouzas, entre outros. Para nenos tamén prográmase actuacións de ata tres grupos infantís, na Porta do Sol, e un Entroido Infantil no Auditorio Mar de Vigo o luns e martes. Outra novidade, para pequenos e maiores, será a celebración da I Carreira Popular de Entroido Concello de Vigo, pensada para público infantil, adulto e veterano cun percorrido polo centro da cidade. Haberá tamén merdeiros e animación da rúa todos os días, e un serán de Entroido con música tradicional.

Os espectáculos musicais, indicou Caballero, tamén xogarán un rol importante no Entroido 2015. O venres 13 na Porta do Sol, o pregón correrá a cargo de Mario Vaquerizo e ao remate terá lugar o concerto das Nancys Rubias. Ao dia seguinte, co plato principal do tradicional desfile de comparsas -ás 18 horas desde Isaac Peral á Porta do Sol-, actuará Kiko Veneno seguido da Orquestra Filadelfia. O martes, 17 de febreiro, xunto á Queima do Meco, a verbena levará a música da Orquestra Principal.

A Entronización do Meco será o venres, 13 de febreiro, na Porta do Sol ás 20 horas, previo á lectura do pregón. A Queima do Meco, o martes 17 ás 23 horas na Porta do Sol, virá precedida por un acompañamento media hora antes desde a Praza da Constitución. Para O mércores, 18 de febreiro, quedan as exequias funerarias (as 18 horas na Porta do Sol), o acompañamento e dó da comitiva partirá media hora despois desde a Porta do Sol, pasando por Príncipe, Colón, Policarpo Sanz e retornoo á Porta do Sol, onde pechará o Entroido o sepelio do Meco, desde as 19:30 horas.
Descargar todas as imaxes

Máis información