Escoitar

O alcalde eloxia a recuperación dunha "parte clave da historia" de Vigo coa nova sede dos rexistradores

Durante a inauguración do novo edificio dos rexistradores, Caballero definiu este venres como un "día moi importante" para Vigo pois "recupérase unha parte clave da historia desta cidade", un "conxunto histórico" de edificios rehabilitados nas rúas Real e Alta do Casco Vello que acolle desde hoxe os Rexistros da Propiedade.

venres, 19 dec 2014
1418992968registro.JPG
Caballero participou este venres no acto de inauguración da nova sede do Rexistro da Propiedade, sito na rúa Real do Casco Vello tras unha reforma e rehabilitación dos edificios agregados da rúa Real números 29, 31, 33 e na rúa Alta nº 26 e 28.

O acto desta mañá contou coa presencia do conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, o decano presidente do Colexio de Rexistradores, Gonzalo Aguilera, o decano de Galicia do nomeado Colexio, Hermes Rego, e a directora de Relacións Institucionais deste, Beatriz Corredor.

Na súa intervención, o alcalde de Vigo asegurou que este é un "dia moi importante para a cidade" xa que se recupera "unha parte clave da historia" viguesa coa rehabilitación deste "conxunto histórico" de inmobles no Casco Vello. A rehabilitación e instalación dos rexistradores marcan "un fito" na recuperación da cidade, polo que Caballero trasladou o seu "recoñecemento" ao Colexio de Rexistradores pola súa "sensibilidade" ao instalarse na zona histórica vigués así como á "cooperación" entre a Xunta, Concello e Colexio que o fixo posible.
Descargar todas as imaxes