Escoitar

O goberno local agarda iniciar a mediados de mes a reforma das prazas de Argüelles e Princesa

Así o avanzou este xoves a tenente de alcalde, Carmela Silva, tras informar da adxudicación provisional dunhas obras que durarán dous meses. A remodelación contempla tamén locais e espazos soterrados entre Abeleira Menéndez e a Praza de Argüelles, cun tratamento homoxéneo das fachadas para integralos no conxunto da Porta do Sol.

xoves, 6 nov 2014
1415278022carmela.JPG
O goberno local adxudicou provisionalmente os traballos de mellora por 262.000 euros, segundo informou Silva en rolda de prensa, cunha baixa do 25% sobre o prezo de licitación e un prazo estimado de obras de dous meses desde o seu inicio, que podería ser a mediados de novembro.

Silva apuntou que con estas melloras "se recuperará a imaxe e se embelecerá a Praza da Princesa, os locais que dan á porta do Sol, se recuperará tamén a escaleira da Praza de Argüelles e se humanizará esta praza".

As reformas afectarán tanto ás céntricas prazas de Argüelles e Princesa como aos locais comerciais de titularidade municipal do entorno da Porta do Sol. Estes son a xoiería "Pato" (Elduayen 1, 3, e 13 da Porta do Sol), "Kilómetro zero" (Elduayen 5), xoiería "Delia" (Elduayen 9), reloxería "Jaime" (Elduayen 11), o local de Elduayen 11, o pechado de Elduayen 13, a froitería "Lucita" (Elduayen 15) e o local da meseta superior, na Praza de Argüelles 9.

A execución do proxecto de reforma destes locais realízase en aras a completar as reformas realizadas no últimos anos no punto central da cidade, subliñou Silva, e á "integración das fachadas no conxunto da Porta do Sol". Cúmprese co recollido no Plan Especial do Casco Vello, que indica que todos os elementos asociados ás fachadas -rótulos, imaxes publicitarias, marquesiñas...- deben axustarse ás condicións reguladas nas propias ordenanzas do Plan especial. O propio Plan obriga á redación dun proxecto de conxunto de todos os locais coa finalidade de acadar a harmonía pretendida entre tódalas fachadas, explicou.

Nos locais afectados executarase a derruba das fachadas, as viseiras e marquesiñas, a desmontaxe de barandillas sobre as fachadas para a súa rehabilitación, o levantamento do pavimento existente sobre os locais e impermeabilización das cubertas, o picado do alicatado existente en fachada do local da Praza de Argüelles e a execución de novo revestimento dos paramentos verticais da fachada, "recuperando a imaxe inicial que tiña ese local", afirmou a tenente de alcalde.

O Concello suprime os locais que se atopan ubicados baixo os dous arranques das escaleiras que dan acceso á Praza de Argüelles, "necesario para apreciar o desenvolvemento completo das barandillas e impostas de pedra existentes nas escaleiras de acceso á Praza de Argüelles e no arranque da rúa Abeleira Menéndez, barandillas que ademais serán restauradas", segundo o proxecto de obras, eliminando oxidacións superficiais, repoñendo tramos danados e pintando de novo a totalidade dos tramos.

Carmela Silva aclarou que o resto dos locais que dan frente á rúa Elduayen manterán a súa actividade, cun novo tratamento de fachada homoxéneo e contínuo, co obxectivo de recuperar a "unidade e harmonía" e a "imaxe coherente e ordenada" no entorno.

Praza da Princesa
A tenente de alcalde avanzou que as obras contratadas conlevarán na Praza de Princesa o levantamento e reposición das losas que se atopen deterioradas, a limpeza e reparación das canalizacións, a execución dunha nova canalización de telecomunciacións e realizar as acometidas domiciliarias necesarias para o soterramento das líneas aéreas existencias, a reparación da fonte, unhas novas estruturas dos alcorques para as árbores, a substitución dos bancos por uns dobles, o reforzo da iluminación e a retirada do cableado presente nas fachadas.

Praza de Argüelles
Pola súa banda, o proxecto do Concello para este espazo prevé o levantamento das losas de pedra que se atopen deterioradas, a rehabilitación de escaleiras e muros, a retirada de cableado existente en fachada e a reparación de barandillas.
Descargar todas as imaxes