Escoitar

Abel Caballero reclama partidas no orzamento estatal para a Avenida de Madrid e a estación de tren

Tras a publicación dos orzamentos xerais do Estado para 2015, o alcalde asegurou ver "lagoas que me preocupan" nas partidas para Vigo, xa que non figuran o proxecto de Mayne para a estación de Urzáiz, o paseo de Samil, a nova Tesourería da Seguridade Social nin a reforma da Avenida de Madrid. Caballero denuncia ademais unha nova reducción da achega estatal para o MARCO.

mércores, 1 out 2014
1412168506caballero.JPG
O primeiro edil valorou este mércores os investimentos do Goberno de España para Vigo no 2015, recollidos no proxecto de orzamentos presentados onte, subliñando a ausencia de cantidades para proxectos como a estación deseñada por Thom Mayne, unha estrutura que completará á ferroviaria que se está actualmente rematando.

Denunciou Caballero que o Goberno de España non concede euro algún á reforma da Avenida de Madrid, a principal entrada á primeira cidade galega, nin quere ceder a titularidade ao goberno local con fondos, mais pola contra reserva 11,5 millóns de euros para un novo acceso ao porto exterior de A Coruña e outros 3 millóns para conectar a autoestrada coa Cidade da Cultura de Santiago.

Tamén solicitou o alcalde unha partida para iniciar a construción da nova Tesourería da Seguridade Social, que xa conta con licencia municipal para edificar no céntrico solar de García Barbón, xunto ás torres do Club Financeiro, ademais de adicar cero euros á reforma do paseo de Samil, de competencia exclusiva estatal, segundo afirmou hoxe Caballero.

Abel Caballero censurou un novo recorte do Estado na aportación ao Museo de Arte Contemporánea de Vigo, que iniciara anos atrás o seu apoio ao MARCO con 150.000 euros e para 2015 concederá 35.000 euros, un 27% menos que os 48.000 euros do 2014. O socialista comparou esta cifra cos, por exemplo, 1,3 millóns de euros que adicará o próximo ano ao Museo das Peregrinacións de Santiago.
Descargar todas as imaxes