Escoitar

Caballero apoia o Gran Premio Cidade de Vigo pola "vocación atlética" do vigués e ser "o mitin galego máis relevante"

O Gran Premio Cidade de Vigo disputa este sábado (19:00 horas, pistas de Balaídos) a súa trixésima quinta edición co Concello de Vigo como piar e sustento do evento co seu apoio económico, abonando íntegramente os premios en metálico (3.900 euros) para os campións e segundos clasificados de cada proba, salvo o 1.000 e a pértiga feminina, que reciben trofeo.

venres, 18 xul 2014
1405698361atletismo.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou hoxe o evento acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e o delegado en Vigo da Federación Galega de Atletismo, Javier Álvarez Salgado, ademais doutros membros do atletismo local e a representante de Coca-Cola, como firma colaboradora.

O rexidor lembrou que con esta proba "volvemos retomar a nosa tradición do atletismo na cidade porque queremos que esta saiba da vocación de Vigo con esta disciplina", sostivo.

Para el, este gran premio "entra dentro das tradicións profundas da cidade" e o apoio municipal é continuado porque "sempre pretendemos estar en isto". De feito, Caballero que valorou o "bo facer" da organización, explicou que "é o mitin de atletismo máis relevante que se fai en toda Galicia e satisfácenos que Vigo sexa a referencia".

Ao redor de cento vinte atletas dunha treintena de clubs galegos e tamén dalgúns de Castela-León e Madrid competirán en oito probas masculinas, cinco femininas e unha mixta (pértiga), con nomes ben coñecidos do panorama autonómico, casos de Isaac Vicente (martelo), Gonzalo Basconcelo, Carlos Porto e Víctor Riobó (1.500 metros), Leticia Fernández, Jenny Fernández, Esther Navarrete ou Carmela Cardama (1.500 metros). Acompañan dous atletas lusos (Miguel Ribeiro no 5.000 e Sergio Silva en lonxitude) e outros dous marroquíes afincados en Galicia (Essaadoui en 1.500 e Laaribi no mil).

Álvarez Salgado, como delegado federativo en Vigo, agradeceu o apoio municipal considerando ao alcalde e ao edil como "persoas moi sensibles co deporte e sobre todo co atletismo". O exolímpico considera que "o atletismo de competición (en pista) ten moitas necesidades que se cobren con este Gran Premio e coa Serie Municipal, que é un dos logros máis importantes do atletismo co Concello". O veterano directivo entende que "asinar un convenio coa Serie garántenos sete probas e actividade de decembro a xullo, nunha oferta que escasamente se fai en Galicia".

Retomando o gran premio, Salgado lembrou que esta proba viviu "tempos de extraordinario esplendedor. Por Vigo pasaron medallistas olímpicos, atletas como Merlene Ottey ou Emiel Puttemans, pero nestes tempos é difícil que volvan porque en toda España elimináronse os grandes mítines". Con todo, "pasado o primeiro ano como responsable da delegación teño xa elementos suficientes para presentar un proxecto ao alcalde para poder relanzar un pouco máis noso Gran Premio, que é o único que resiste en Galicia dos moitos que houbo".

O programa, que comeza ás 19:00 horas, terá os seus pratos fortes ás 20:20 horas coas finais do hectómetro, o 1.500 feminino (20:40) e o masculino (20:55).

O Cidade de Vigo creouse en 1958 nas extintas pistas do estadio municipal vigués, e en setembro de 1981 situouse no seu escenario actual, unhas pistas de resisport inauguradas en agosto de ese mesmo ano. O estadio atlético vigués conserva aínda o récord de España de 100 metros lisos femininos (11.06, Sandra Myers, 1991).
Descargar todas as imaxes