Escoitar

Preto de 2.000 persoas presentan solicitude ao programa municipal de axudas a familias

Abel caballero avanza que Vigo é o único concello que conta cun programa destas características -dotado con 2 millóns de euros- que nace para axudar as familias cos gastos de aloxamento, subministros e alimentación. O rexedor informou ademáis que as solicitudes están por riba das previsións iniciais.

martes, 15 xul 2014
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, deu a coñecer esta mañá o número de solicitudes presentadas ao programa municipal de axudas extraordinarias a familias para gastos de aloxamento, subministros e alimentación 2014. Tal e como avanzou o rexedor trátase dunha iniciativa que nace cunha dotación orzamentaria de 2 millóns de euros sendo Vigo "o único concello de España e de Galicia que conta cun programa destas características". "Pasamos de 0 solicitudes a 2.000", indicou Caballero, quen enfatizou ademáis que noutras cidades "hai 0 euros para este programa".

O alcalde eloxiou a xestión levada a cabo con este programa de axudas; "Ben xestionado, con gran eficiencia e con miles de persoas que pasaron a informarse", o que ao seu xuizo significa "a capacidade de transmisión e a bondade" da iniciativa. As bases do programa foron aprobadas pola Xunta de goberno local o 30 de maio de 2014.