Escoitar
A batería Lucía Martínez trae o seu proxecto berlinés ao Auditorio Municipal do concello ás 21h

A homenaxe de Riverside Quartet á música de Jimmy Giuffre pecha o décimo Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons

A última xornada de Imaxina Sons o sábado 5 de xullo comeza á unha do mediodía e remata á unha da madrugada. Unha xornada completa que arranca con "Jazz fóra de lugar" na rúa de Londres e finaliza con "Jazz na noite" no club Xancarajazz. No medio, dous pratos fortes: Lucia Martínez Berliner Projekt AzulCielo no Auditorio Municipal do concello ás 21h e, despois, na praza da Constitución ás 23h, Riverside Quartet, a formación liderada polo trompetista Dave Douglas e o saxo Chet Doxas en tributo á música de Jimmy Giuffre.

venres, 4 xul 2014
Azulcielo é un proxecto que nace en 2009 en Berlín como resultado do traballo de mestrado que a batería Lucía Martínez (Vigo, presentou para a Universidade das Artes, guiado por músicos da talla de John Hollenbeck ou David Friedman, e que obtivo a distinción Summa Cum Laude. Azulcielo implica un repertorio completamente orixinal, no que se desenvolven composicións baseadas en moitos casos na tradición española musical e cultural, pero cunha visión contemporánea. Azulcielo é, como sinalaba a percusionista nunha entrevista, "a cor que lle falta a Berlín, porque do resto teno todo, é unha cidade moi viva e moi efervescente no cultural, pero está tinxida dese gris permanente. Como é un proxecto berlinés e os músicos tamén son de alí, decidín trasladar unha parte de min a esta cidade; o azul ceo de Vigo".

Esta ponte entre Alemaña e Galicia reúne unha instrumentación cun carácter entre popular e contemporáneo: acordeón, clarinete/saxo, piano, contrabaixo, batería/vibráfono. Lucía é unha das poucas mulleres, senón a única en España, que pode presumir de ter rematado os seus estudos clásicos en España, os seus estudos de jazz na Universidade Politécnica do Porto-Portugal e un mestrado en batería e composición na Universidade das Artes de Berlín. O seu estilo vese influído pola música folk de Galicia, a música clásica, o flamenco e a música do Mediterráneo, xunto coa música de vangarda europea. Xunto á batería, no escenario, Ludwig Hornung, piano, Hannes Daerr, clarinete, clarinete baixo e saxo tenor, Silke Lange, acordeón e Simon Quinn, contrabaixo.

É un pracer para Imaxina Sons contar na praza da Constitución con Riverside Quartet; formación na que se integra o trompetista de Nova York Dave Douglas. Riverside Quartet pon un selo contemporáneo en formato cuarteto á música das emsembles lideradas polo clarinetista Jimmy Giuffre (1921-2008). Nacido en Dallas, Giuffre, tocou nos anos cincuenta e sesenta en varias "big bands" converténdose nun dos nomes imprescindibles da escena jazzeira da costa oeste dos EUA. Nos anos sesenta vínculase ao free jazz, colaborando con músicos como Carla Bley e Steve Swallow, con quen Imaxina Sons ten a fortuna de contar neste concerto. Jimmy Giuffre vivirá uns anos en Francia e será considerado un dos promotores do jazz contemporáneo e das pontes entre os EUA e Europa. Riverside Quartet reparte liderado entre o trompetista Douglas e o clarinete e saxo Chet Doxas, cunha sección rítmica formada polo referido Swallow no contrabaixo e Jim Doxas na bateria. Tres xeracións de músicos sobre o escenario. Entre todos debuxan unha estética enraizada na música americana e no jazz na que hai cabida para a improvisación, o bluegrass, os himnos sacros e a música apalache.

A última xornada do festival comeza ás 13h con David Regueiro Trío na rúa de Londres cun tributo ao guitarrista Kenny Burrell cando se celebran cincuenta anos da edición do album Midnight Blue. Co guitarrista David Regueiro tocan Juyma Estévez, contrabaixo, e José Manuel Díaz, contrabaixo. Ao remate do concerto de Riverside Quartet na praza da Constitución comezará no Xancarajazz (Isabel II, 6) o concerto de Ton Risco Trío máis o saxofonista Pablo Castaño. O vibrafonista suma ao seu trío habitual un convidado na que será a última actuacíón do décimo Imaxina Sons.