Escoitar

Castrillo reclama máis e mellores servicios de salvamento marítimo

venres, 20 dec 2002
imx2157.jpg
Inauguración do evento
O alcalde dí na apertura do Plenario de Aetinape que é un insulto que a Unión Europea pretenda que se empreguen na limpeza da costa os fondos destinados a Galicia para o sector pesqueiro. No discurso de inauguración do XII Plenario que se celebra en Vigo Lois Castrillo salientou que ”nestes días calquera referencia que fagamos ao mundo do mar está mediatizada pola enorme catástrofe que asola o noso país, unha traxedia de dimensións difíciles de calcular que ameaza con condicionar a vida do noso litoral durante tempo indefinido”.

DISCURSO DO ALCALDE

O mar de Galicia é escenario habitual de naufraxios. Non é un feito insólito que de cando en vez un barco, entre os milleiros que navegan fronte as nosas costas, sufra un accidente. O caso do Prestige non foi unha sorpresa. O que sí resultou rechamante foi comprobar que a administración española non está preparada para afrontar un sinistro destas características: o que resultou asombroso foi averiguar cal foi a traxectoria do petroleiro ferido, unha vez amarrado polos remolcadores.

Estes días puidemos escoitar en numerosas ocasións esta queixa, pero non está de máis repetila hoxe aquí en Vigo e neste foro. É incomprensible que un país coa cantidade de kilómetros de costa que ten o noso, co elevado número de grandes portos que xalonan o litoral, co importante volume de actividade económica relacionada co mar, non dispoña aínda duns medios de salvamento axeitados e duns plans de emerxencia suficientemente contrastados.

Parece que a administración española vive de costas ao mar. Semella como se non lle importasen as vidas dos milleiros de persoas que viven da pesca ou do tráfico marítimo. Nos últimos dez anos perdéronse en España case 50 mil postos de traballo neste sector. Estase a producir unha reconversión silandeira alimentada polas políticas que fomentan o despece da nosa flota pesqueira e pola fuxida de buques mercantes a rexistros menos severos.

O Prestige era un deses barcos que se refuxian nun pavillón de conveniencia e que navegan sen control ningún polas nosas augas.

O desastre do Prestige serviu para espertar as conciencias. Anúncianse agora medidas para reforzar os controles dos mercantes que sulcan os corredores marítimos españois ou que arriban aos nosos portos. Agardemos que sexan efectivos. Pero é necesario algo máis. Precísanse máis e mellores medios de salvamento e plans de emerxencia que non só ofrezan unha maior seguridade á xente do mar, senon que sirvan de prevención para evitar que se repitan episodios tan dolorosos como o que estamos vivindo.

Cómpre tamén unha maior comprensión da Unión Europea cara á problemática galega. É intolerable que, mentres o chapapote segue tinguindo de negro o noso futuro, se manteña sobre o noso sector pesqueiro a espada de Damocles dunha reforma pesqueira tremendamente lesiva para os nosos intereses. É un insulto que se nos presente como unha gran concesión a posibilidade de utilizar para combater a marea negra os fondos IFOP que tiñamos xa asignados.

Sei que vostedes comparten conmigo boa parte destas reflexións. Agardo que as administracións tomen boa nota dun sentimento que cada vez está máis xeralizado e adopten medidas dirixidas a que se faga realidade esa voz que estes días resoa en todo o país: NUNCA MÁIS.
Descargar todas as imaxes