Escoitar

Aberto o prazo de inscrición nos concursos para recibir ós Reis Magos e acompañalos nas carrozas

xoves, 19 dec 2002
imx2145.jpg
Cartel
Permanece aberto o prazo de inscrición no concurso “Vente cos Reis Magos 2003” e de presentación de traballos para o certame “Moreas de desexos”, que como en anos anteriores organiza a concellería de Festas e Animación Sociocultural.

O obxecto de “Vente cos Reis Magos 2003” é seleccionar a trinta nenos que acompañarán ós Reis na Cabalgata de Reis que terá lugar o vindeiro día 5 de xaneiro na nosa cidade. Cada un dos Reis percorrerá as rúas de Vigo xunto a dez nenos.

Os que queiran participar no concurso, aberto ós pequenos que naceran entre 1990 e 1994, só terán que cubrir un boletín que poden recoller nas entidades visitadas porlo Carteiro Real ou no posto de información da lonxa do Concello e depositalo na urna que levará o Carteiro ou na do Concello.

O sorteo que terá lugar o día 2 de xaneiro ás 12.00 horas decidirá que nenos son os elixidos para vesti-lo disfraz co que viaxarán nas carruaxes reais o día 5.

Pola outra banda, os máis creativos poderán participar en “Moreas de desexos”, o certame no que se seleccionará a tres nenos para que realicen a recepción oficial ós Reis Magos e despois os acompañen na Cabalgata. Neste concurso poderán participar tódolos menores de 12 anos, que deberán presentar unha carta na que expresen ós Reis tódolos seus desexos para o ano 2003.

As cartas, que irán redactadas nos formularios editados polo Concello, deberán depositarse na urna que leva o Carteiro Real nas súas visitas. Un xurado será o encargado de elixir ós autores das cartas gañadoras, os nomes dos cales se publicarán nos medios o día 3 de xaneiro.
Descargar todas as imaxes