Escoitar

O alcalde agradece a comprensión manifestada polo Príncipe de Asturias ante o estado de tensión social que se vive en Galicia

mércores, 18 dec 2002
imx2150.jpg
Felipe de Borbón e Castrillo
O alcalde de Vigo agradeceu publicamente a comprensión manifestada polo Príncipe de Asturias ante o clima de tensión que se está a vivir estes días en Galicia como consecuencia da marea negra. Lois Castrillo pediulle onte disculpas persoalmente ao Príncipe porque a súa visita ao Museo de Arte Contemporánea se vise acompañada dunha manifestación. O alcalde explicou que a Súa Alteza Real era coñecedor de que as protestas non ían dirixidas contra el e que entendía o clima de crispación social existente.

Lois Castrillo dixo reprobar a conducta das contadas persoas que guindaron ovos e luvas contra as autoridades asistentes ao acto de inauguración do Marco, pero salientou que eran só uns poucos individuos dentro dunha manifestación que reuniu milleiros de persoas que non actuaron de forma violenta. O alcalde sinalou que os manifestantes non fixeron máis que expresar a súa indignación pola actuación da Xunta e do Goberno central durante toda a crise do Prestige e lamentou que a policía realizara unha carga cando xa as autoridades abandonaran o lugar e non parecía necesario adoptar medidas contundentes: “nuns momentos de tanta crispación a policía debe tentar calmar os ánimos e non contribuir a aumentar a tensión”.

Lois Castrillo declarou tamén que non se pode culpar ao Goberno municipal de Vigo do enorme malestar cidadá que xerou a incompetencia do goberno Central e da Xunta á hora de abordar o problema do Prestige. Así mesmo defendeu a actitude dos concelleiros que exhibiron no Marco pegatinas co lema “Nunca máis”: “vivimos nunha sociedade democrática e libre na que é lícito expresar calquera opinión dentro de cauces normais. Os concelleiros non fixeron mais que facerse eco do sentir maioritario da sociedade galega”. O alcalde engadiu que o Príncipe de Asturias non se mostrou molesto en ningún momento co aceno dos edís vigueses.
Descargar todas as imaxes