Escoitar

O alcalde traslada á Xunta a súa "oposición total" ao peche do centro de saúde de Beiramar

Abel Caballero remitirá un escrito á conselleira de Sanidade manifestando o seu rexeitamento á intención do SERGAS de trasladar o ambulatorio de Beiramar ao de Rosalía de Castro. Tras unha reunión hoxe xoves con médicos do centro, o alcalde indicou que a medida responde a motivos económicos e censurou o peche de infraestruturas na área de Galicia con "peor atención sanitaria".

xoves, 22 mai 2014
O rexedor vigués e facultativos do centro de saúde de Beiramar mantiveron unha entrevista este xoves na que o persoal sanitario trasladou a decisión do SERGAS de pechar o ambulatorio e levalo ao xa existente de Rosalía de Castro por motivos económicos.

Caballero rexeitou ante os medios a proposta da Xunta de Galicia por afectar a "miles de persoas" e pechar dotacións nunha zona con escasas prestacións públicas. O alcalde asegurou que o motivo económico é unha "excusa", manifestou supoñer que o SERGAS non recortará a atención sanitaria e polo tanto o aforro derivaría do coste do local, algo que pode ser solventado mediante un convenio entre a Xunta e o Goberno de España, titular do inmoble.

O alcalde recordou que a previsión autonómica era abrir seis centros de saúde na cidade e, pola contra, pecha un ambulatorio na área con "peor asistencia sanitaria de Galicia". Caballero denunciou asemade que o Concello cedeu unha parcela en Bouzas para que o goberno autonómico edificara un centro de saúde do que non hai novas desde hai catro anos.