Escoitar

O Concello outorgará a Medalla da Cidade ás empresas do sector naval

Todos os grupos municipais acordaron hoxe mércores outorgar ás empresas do sector naval a Medalla da Cidade. Os galardoados como Vigueses Distinguidos neste 2014 serán o Colexio Maristas-El Pilar, o Seis do Nadal, Dolores Galovart, Josefa Martínez Alonso, Manuel Mera Sánchez, o Rápido de Bouzas e o axente da Policía Local, Francisco Javier Pitillas.

mércores, 19 mar 2014
A Xunta de Voceiros decidiu hoxe propoñer ao Pleno do Concello concederlle a Medalla da Cidade ás empresas do sector naval polo seu "desenvolvemento extraordinario" unha vez que a cidade foi quen de reactivar o sector naval logo de "darlle a volta á posición do tax lease". Así o avanzou hoxe mércores o rexedor, quen tamén deu conta do nomeamento dos Vigueses Distinguidos para 2014. Os partidos acordaron por unanimidade distinguir ao Colexio Maristas-El Pilar e, tal e como é habitual, cada grupo nomea dous candidatos que son aceptados polo resto, co que son sete as persoas ou institucións que recibirán este recoñecemento da cidade e "todos eles teñen o apoio do goberno municipal", subliñou.

Os propostos polo grupo socialista foron, explicou Caballero, o colexio Seis do Nadal polo seu proxecto deportivo-educativo; e a xuíza de Vigo Dolores Galovart, combativa na defensa dos dereitos das mulleres e de todos os galegos desde o posto de vicevaledora do Pobo que exerceu durante un tempo. Pola súa banda, o Partido Popular propuxo ao axente a Policía Local Francisco Javier Pitillas, con grande compromiso en proxectos de carácter social e ao Rápido de Bouzas no ano que celebra o seu "grande" aniversario. Os nomeados polo BNG son Josefa Martínez Alonso, a título póstumo, unha muller moi vencellada aos movementos de loita contra os malos tratos e o movemento veciñal. Completa a lista un sindicalista recoñecido na cidade pola defensa dos traballadores, Manuel Mera Sánchez.