Escoitar

Emprego promove dúas iniciativas locais que xerarán máis de dez postos de traballo

martes, 15 out 2002
O Concello de Vigo, en base a unha proposta do concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Delfín Fernández Álvarez, na última Comisión de Goberno, solicitará á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a cualificación como Iniciativa Local de Emprego (ILE) de dous proxectos empresariais innovadores que, xurdidos no Servicio de Asesoramento ó Emprendedor (SAE), xerarán un total de máis de dez postos de traballo.

A primeira destas iniciativas empresariais está promovida por dúas mulleres desempregadas e prestará servicios orientados a rehabilitación motora, psicoloxía, logopedia e reeducación lóxico-deductiva, entre outros. A innovación radicará na oferta dun centro integrado que ofreza os servicios tanto de rehabilitación motora, como da psicolóxica: evitando os traslados dos nenos/as para recibir os diferentes tratamentos.

A outra iniciativa empresarial que conta co apoio do Concello de Vigo para solicitar a cualificación como ILE está promovida por dous homes e ofrecerá diferentes servicios nun mesmo ámbito cultural, tales como unha biblioteca aberta, unha librería virtual e seminarios. Este espacio cultural terá un carácter innovador ó aglutinar nun mesmo espacio servicios lúdicos de ocio, xunto con actividades de carácter social e cultural.

Ademais de recibir importantes axudas económicas por parte da Consellería, no caso de seren cualificadas como ILE, estas empresas beneficiaranse por parte do Concello de Vigo dunha bonificación no Imposto sobre Actividades Económica dun 30% durante os primeiros cinco anos de funcionamento.

Hai que destacar que para que un proxecto sexa acollido dentro do Programa “Iniciativas Locais de Emprego” da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ten que estar promovido ou confinanciado por unha Administración local, neste caso o Concello de Vigo.