Escoitar
Buñuel, Godard e Dreyer son os artífices dalgunhas das películas proxectadas

A Fundación Laxeiro achega ó público as orixes do cinema fantástico co ciclo ”Lo fantástico de andar por casa”

luns, 14 out 2002
imx1860.jpg
La Jetée
A Fundación Laxeiro trata de achegar ó público algunhas das obras máis emblemáticas do chamado cinema de autor nas que recoñecidos directores empregaron unha serie de recursos propios dos filmes fantásticos actuais. Para elo, desenvolverá a partires de hoxe, un ciclo de proxeccións que terá lugar no auditorio do Centro Cultural Caixanova ata o día 18 de outubro. A intención desta iniciativa é dar a coñecer os recursos estilísticos empregados por estes autores e as inquedanzas dunha época que sentou as bases do cinema moderno.

Directores como Godard, Resnais e Chris Marker en Francia, Buñuel entre México, Francia e España, Pasolini en Italia ou Dreyer en Dinamarca, descobren o realismo que resulta de ver as cousas dende unha nova perspectiva.

A primeira das películas que se proxectará, “La Jetée” (1963), de Chris Marker, narra en foto-fixa a vida dun París futuro e apocalíptico onde a poboación vive refuxiada baixo terra. Entre eses individuos está H, obsesionado por unha lembranza da infancia que consiste no rostro dunha muller. H é utilizado por un científico para un experimento de viaxe no tempo que podería restituír o sentido da realidade feita de instantes conxelados.

París protagoniza tamén “Lemmy Caution contra Alphaville” (1965), de Jean Luc Godard, que se exhibirá o mesmo luns e constitúe unha mostra inigualable da particular visión que estes directores teñen do cinema fantástico. No filme, París convértese en Alphaville, unha cidade futurista dominada por unha misteriosa máquina, Alpha 60, da que só vemos un ventilador cun sinxelo e inquietante xogo de luces e voces distorsionadas e que exerce o seu poder a través da prohibición dos sentimentos e da súa expresión a través das palabras.

O martes, día 15, a arte de Pier Paolo Pasolini quedará patente en “Teorema” (1968), na que un enigmático e fermoso mozo acode como invitado á casa dun rico industrial. Este, a súa familia e a criada quedan inmediatamente fascinados e seducidos por el. A partir dese momento, a través dunha serie de relacións sexuais, todos descubrirán facetas ocultas da súa personalidade. Nun ton achegado á parábola bíblica, Pasolini describe un proceso de liberación social, política e espiritual.

A película “Vampyr,” (1931), de Carl Theodor Dreyer, que se proxectará o mércores, está baseada nunha novela do irlandés Sheridan Le Fanu, e narra unha historia vampírica de sombras, cun tratamento plástico moi próximo ó expresionismo de “Nosferatu” e cunha narrativa fragmentada e desorientadora.

O cine español estará representado o xoves por unha película de Luis Buñuel feita en México en 1962, “El ángel exterminador”, que conta a historia dunha misteriosa forza que mantén pechados nunha habitación dunha luxosa vila a un grupo de burgueses. Neste escenario, e coa axuda dalgúns xogos surrealistas, estes personaxes regresarán a súa máis primitiva condición animal.

“Providence” (1976), de Alain Resnais, porá punto final o venres ó ciclo, narrando unha noite de pesadelo, na que un escritor a punto de morrer xoga con recordos obsesivos e mestúraos coa ficción do libro que está a rematar. As personaxes da novela identificaranse cos membros da súa familia, que se resistirán a asumir o rol que o autor lles quixo asignar.
Descargar todas as imaxes