Escoitar
164 clubes deportivos reciben subvencións do Concello

O Concello cédelle ao Instituto de Estudios Vigueses un local no edificio Asefal

luns, 14 out 2002
A Comisión de Goberno deu o seu visto e prace á sinatura dun convenio de colaboración co Instituto de Estudios Vigueses para facilitarlle a esa asociación unha sede provisional. Deste xeito cúmprese cun acordo plenario adoptado o pasado ano.

O Concello cederalle ao IEV o uso do terceiro andar do edificio Asefal para que o convirta na súa sede mentres non dispoña doutro local. O goberno municipal amosa desta maneira a súa disposición a colaborar cunha entidade que ten como finalidade principal “orientar e coordenar o labor investigador nas diferentes ramas científicas que se refira a Vigo e a súa bisbarra”.

O Edificio Asefal albergará tamén as oficinas do consulado da República Arxentina, un centro de formación para funcionarios municipais, as oficinas do proxecto Compás de integración laboral e un local para formación en novas tecnoloxías da información.

164 clubes deportivos reciben subvencións do Concello

A Concellería de Deportes subvenciona este ano 164 clubes deportivos da cidade. En total distribuíronse 450.759 euros entre os equipos que concorreron á convocatoria de axudas realizada pola concellería que dirixe Santiago Domínguez Olveira. O diñeiro repartiuse con criterios de puntuación obxectivos. Atendíase entre outras cousas a que os clubes tiveran que realizar desprazamentos, a que se viran obrigados ou non a alugar instalacións, ao seu número de licencias ou ao seu grao de colaboración coas Escolas Deportivas Municipais.

A Concellería de Deportes subvenciona tamén este ano 23 eventos deportivos organizados por clubes ou federacións da nosa cidade. Entre os acontecementos que reciben axudas municipais están maratóns populares, probas ciclistas, competicións náuticas, torneos de artes marciais ou xogos populares. As subvencións concedidas para a celebración destes eventos suman 115.000 euros.