Escoitar

A programación das Noites Vivas esténdese a tódalas fines de semana

venres, 11 out 2002
imx1856.jpg
Presentación
O concelleiro de Xuventude, Santiago Domínguez, presentou un avance do programa das Noites Vivas que pretende volver ser un referente a nivel estatal. Nesta ocasión, un carné permitirá a participación en tódalas actividades de lecer nocturnas previstas.

Para a elaboración deste programa contouse coa participación de mozos que contribuíron, a través do foro de Noites Vivas, a ofrecer suxestións para mellorar e expoñer as súas preferencias sobre as actividades.

Esténdese a todo o ano

Gracias ó éxito colleitado en edicións anteriores e á ampla receptividade que os distintos actos teñen entre os mozos, a Concellería de Xuventude aúna esforzos para estender o programa a tódalas fines de semana do ano. Así a xente moza disporá de máis alternativas positivas e creativas para o seu ocio nocturno.

Expídese un carné anual

Unha pequena achega de cada participante (6 euros por todo o ano) contribuirá a que os mozos valoren e se vencellen máis solidamente a esta iniciativa, contribuíndo ademais a financiar o programa para facer posible a programación de máis iniciativas. Preténdese ademais a fidelización dos asistentes.

O carné distribuirase na Casa da Xuventude, no Centro Xuvenil da rúa Uruguai, no Cíber Castro, no Pavillón Central das Travesas e en establecementos comerciais colaboradores. Permitirá a participación en tódolos actos, competicións, campionatos, cursos, obradoiros e sesións que se programen. Tamén se organizarán sorteos para os posuidores da tarxeta. Distribuirase sen límite de idade.

Patrocinios

Manterase un sistema de mixto de patrocinios, integrado por institucións públicas e empresas privadas interesadas en investimentos publicitarios dirixidas ós cidadáns e vencelladas á promoción do ocio creativo. Tamén se prevé a figura dos establecementos colaboradores, que desexen colaborar distribuíndo a tarxeta. Para facerse colaboradores, só teñen que mercar polo menos 50 tarxetas para distribuílas gratuitamente entre os seus clientes, preferentemente mozos.

Tamén se asinou un convenio coa Asociación de Comerciantes para a donación de agasallos que se sortearán cada fin de semana.

Cinco sedes permanentes

Os actos terán lugar maiormente en 5 sedes: o centro xuvenil de Uruguai, 9: o Cibercastro, o pavillón deportivo do Berbés, o pavillón de Coia, as sedes da Asociación de Veciños de Beade e a Asociación Xuvenil Abertal, aínda que tamén se programarán actos noutros lugares.

Récord de programación: unhas cen convocatorias cada mes

Neste momento está ultimándose a programación que consistirá nunha gran cantidade e variedade de actos, que rondarán os cen mensuais.

Eis unha mostra das convocatorias previstas: vidrería, cíber, cine, bailes de salón, malabares, sauna, musculación, squash, pachanga, obradoiros, futbolín, xogos en rede, cociña, gomaespuma, power point, coiro, pachangas deportivas, chaveiros de lá, tiro con arco, jam sesions, obradoiro de carátulas de cd, artesanía, smatch de improvisación teatral, grafoloxía, esgrima, reciclaxe, pirograbado, misión imposible, percusión, breakdance, manga, rol, repuxado de coiro, botica, globoflexia, tatuaxes de henna, paint-ball, tarot e ciencias ocultas, cócteles naturais, pulseiras de fío, cociña húngara, concertos, obradoiros de abalorios, obradoiros de fotocaricaturas, marionetas, cestería, contacontos, tinxido de tela, encadernación, tatoo, imaxe dixital, Clube da Comedia, perfumes, bisutería ecolóxica, maratóns deportivos de futbito e baloncesto, pintura adhesiva en vidro, maquillaxe de festa, sala de lectura, piscinas, visitas ó Museo do Mar, slots (Scalextic), técnicas para ligar con parte teórica e práctica...

As asociacións, comprometidas

As asociacións xuvenís, así como as vocalías de xuventude de varias asociacións de veciños implicáronse na organización propoñendo novas actividades e mesmo comprometéndose a organizar directamente moitas delas. Sen a súa colaboración sería difícil chegar a tal variedade e cantidade de actos.

O pasado ano...

Os mozos valoraron de xeito moi positivo as anteriores edicións de Noites Vivas. Nas enquisas realizadas fixeron especial incidencia na calidade das actividades, que consideran moi axeitadas ó seu gusto e a cantidade e variedade das mesmas. Tamén agradeceron que houbese diversas instalacións espalladas por toda a cidade, o que facilitou un mellor uso. Chegaron a pedir durante a celebración do programa a ampliación dos horarios e do calendario.

O lugar que concitou a un maior número de xente foi a Praza Elíptica, onde houbo uns cinco milleiros de participantes, o que nos dá unha media de cincocentos asistentes cada día. Beade, Berbés, Lavadores ou o Cine Box foron outros dos sitios onde a afluencia resultou masiva. Sempre se superaba o cento de persoas en cada acto. En lugares como o Centro Xuvenil Municipal, a afluencia ós obradoiros foi tan masiva que mesmo resultaba imposible participar nalgunha actividade. Ata o público observaba con certa dificultade debido a que o recinto estaba ateigado.

En xeral, os mozos agradeceron a calidade dos obradoiros. Os espectáculos foron os que máis xente congregaron darredor das actividades. En breakdance houbo 600 persoas, coas escaleiras da Praza Elíptica colapsadas por completo. En tódolos obradoiros cubriuse o cupo e moita xente acudía ata unha hora antes para atopar un oco nos obradoiros de xoiería. Como anécdota, cabe resaltar que varios noivos acudían a este obradoiro que se impartía na Escola do Atlántico para confeccionar os aneis para a súa propia voda.

En canto ás actividades puntuais, cabe resaltar o baile de salón (máis de 200 participantes cada fin de semana), o cine, o cíber e os concertos, que serviron para lanzar a grupos locais, como as que tiveron unha mellor acollida.

Foi tamén palpable que as actividades pasaron nalgúns casos a ser iniciativas dos usuarios e eles mesmos eran os que continuaban unha vez rematadas na instalación onde se impartía. As ”Noites Vivas” lograron o seu obxectivo conseguindo que fosen os rapaces en primeira persoa os que se involucrasen de cheo.

A participación foi en aumento a medida que o programa se puxo en funcionamento. A xente solicitou información e os folletos ”voaron” literalmente. Funcionou de xeito admirable a comunicación persoal entre os participantes. A xente fixo por acudir ás actividades aínda que fosen en distintas zonas da cidade. É por isto polo que se produciron moitos movementos de xente en Vigo. En Beade había xoves de Valadares, Príncipe, Bouzas, Calvario e Cabral. No resto de instalacións atopáronse participantes de concellos coma Nigrán, Baiona, A Guarda ou Tui.
Descargar todas as imaxes