Escoitar

O goberno de Vigo rebaixa a 25,11 días o prazo medio de pago a proveedores

O Pleno da Corporación tomou coñecemento este luns do informe de Tesourería correspondente ao terceiro trimestre do 2013, documento que fixa en 25,11 días de media o prazo de pago aos proveedores desde a presentación da factura. "Non hai concello en España" que mellore o dato de Vigo, en verbas da tenente de alcalde, Carmela Silva.

luns, 27 xan 2014
Durante a súa intervención, Silva asegurou que o Concello é un "modelo" no cumprimento da lei -que marca en 30 días o prazo máximo de pago- e no "apoio" á economía e ao emprego que supón o pronto pago das facturas. "Non hai concello en España" que mellore os datos de Vigo, segundo apuntou Silva, quen explicou que no terceiro trimestre do 2013 o goberno local efectuou 1.919 pagos por case 25 millóns de euros.

A tenente de alcalde comparou a media de pago viguesa coa doutras administracións públicas, como por exemplo o Goberno de España, que abona en 39 días, ou a Xunta de Galicia, que o fai en 35. A media das comunidades autónomas sitúase en 140 días e a dos municipios españois, en 118, mentres que o global de todas as administracións públicas sube aos 129 días.

No turno de réplica, o voceiro en materia económica do grupo municipal do PP, Miguel Fidalgo, afirmou que o goberno local "necesita mellorar" pois máis do 42% das facturas correspondentes ao terceiro trimestre foron abonadas fóra do prazo legal, con 14 días de demora media, un total de 807 cargos por un valor superior aos 6,5 millóns de euros.

Estabilidade orzamentaria
O Pleno tamén tomou coñecemento do informe do interventor de avaliación do cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria na prórroga en vigor das contas de 2013, texto que sinala de forma "clara e contundente" que "os orzamentos están en equilibrio ou en superávit", segundo apuntou Carmela Silva.

A tenente de alcalde defendeu que o informe amosa o "rigor e bo uso dos recursos do goberno municipal" e recordou que ter as contas saneadas é "fundamental" para poder prestar servizos públicos. Entrar en déficit conlevaría un "plan de axuste" e "menos prestacións, menos subvencións, menos investimetos e menos capacidade de xeración de emprego" do Concello, ao tempo que implicaría máis presión fiscal.

A voceira nacionalista, Iolanda Veloso, indicou que unha boa xestión sería a aprobación dun novo orzamento para 2014 e non a prórroga do anterior e reclamou "autocrítica" ao goberno local. Pola súa banda, o PP afirmou que a estabilidade orzamentaria responde á prórroga das contas do ano anterior e ve na presentación dun novo documento a "principal obriga" do Concello, segundo Fidalgo.