Escoitar

A Casa das Artes acolle a exposición "O gabinete das marabillas" desde o 14 de novembro ata o 8 de decembro

A Conferencia inaugural será o próximo xoves ás 19,30 horas no Centro Social Novacaixagalicia. A mostra recolle códices iluminados das mellores bibliotecas do mundo.

martes, 12 nov 2013
1384273596Tractatus.jpg
A Casa das Artes de Vigo acollerá do 14 de novembro ao 8 de decembro a exposición "O gabinete das marabillas: códices iluminados das mellores bibliotecas do mundo". Un percorrido por oito séculos de historia a través das obras mestras que se conservan nas bibliotecas máis importantes do mundo: Metropolitan Museum of Art, Morgan Library & Museum, The British Library, Bibliothèque nationale de France, Biblioteca Nacional de Rusia, Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid, etc.

Nesta exposición, un verdadeiro gabinete das marabillas, o visitante poderá admirar os códices máis fermosos de Beato de Liébana, os libros de horas dos monarcas europeos máis relevantes, os mapas e atlas que foron demarcando os novos territorios na Era dos Descubrimentos, remedios e consellos cos que príncipes e poderosos coidaban a súa saúde na Idade Media, Biblias que guiaban e inspiraban a uns poucos privilexiados, tratados que amosaban o camiño cara á felicidade ou ensinaban os segredos e sutilezas do máxico mundo da alquimia... Xoias bibliográficas ricamente iluminadas, realizadas polo pintores máis prestixiosos da época, que lle farán descubrir as delicias dun pasado que se abre ao presente.

Por primeira vez en Galicia, exponse a edición completa do Tractatus de Herbis, un códice sui generis que revela as claves da farmacopea mediterránea na Idade Media. Trátase dun libro totalmente singular, unha antoloxía gráfica da medicina onde as imaxes adquiren todo o protagonismo en detrimento do texto, que se limita a mencionar o nome da substancia medicinal e os seus sinónimos noutras linguas locais.

M. Moleiro, no seu afán por difundir o mellor e o máis sobresaínte da arte da miniatura, reproduce ditos tesouros con total fidelidade para ofrecelos a todos aqueles cun entusiasmo común: a paixón polos libros. Todas as edicións son primeiras, únicas e irrepetibles, limitadas a 987 exemplares numerados e certificados, un a un, cunha acta notarial.

Como complemento á exposición, celebrarase unha conferencia adicada á figura de Isabel a Católica, para quen foi confeccionado o Breviario de Isabel a Católica, o tesouro bibliográfico máis importante desde o punto de vista político, histórico e artístico que se conserva dos Reis Católicos.

A conferencia, que terá lugar o 14 de novembro ás 19:30h, estará a cargo dunha das máximas especialistas na reina Isabel, Elisa Ruiz, catedrática emérita de Paleografía e Diplomática da Universidade Complutense de Madrid.
Descargar todas as imaxes