Escoitar

O Concello amplía ás escolas infantís as actividades para normalizar o uso do galego

A edil de Normalización Lingüística, Isaura Abelairas, explicou este martes que o goberno local programa tamén actividades para nenos de cero a tres anos. "Pretendemos que, dunha forma totalmente natural, o noso idioma sexa utilizado en todos os ámbitos", asegurou Abelairas, polo que as propostas municipais se extenden dos centros educativos ás bibliotecas, museos e incluso cafeterías.

martes, 12 nov 2013
1384261088isaura.JPG
En rolda de prensa, Abelairas afirmou que o Concello de Vigo presta "especial atención á formación dos máis novos", polo que extende a cooperación do departamento municipal de Normalización cos colexios ás escolas infantís para introducir e normalizar o uso do galego nos máis pequenos.

O goberno local amplía por tanto ás escolas infantís municipais o traballo que realiza co alumnado nas distintas etapas formativas, unha idea que permite programar actividades pensadas para os nenos de entre cero e tres anos nos centros de Santa Cristina, Bouzas, Tomás Alonso e Sampaio.

Este mesmo martes, segundo adiantou Abelairas, ten lugar unha actividade coa escola de Sampaio, baixo o título de "Corre, corre, Cabaciña", coa presenza da autora desde conto e canción e o profesorado exercendo como actores. O próximo xoves, no Auditorio municipal do Concello, celebrarase outra xornada sobre cinema, para 200 alumnos de Secundaria da cidade.

"Pretendemos que, dunha forma totalmente natural, o noso idioma sexa utilizado en todos os ámbitos", argumentou Abelairas, polo que o Concello emprega outras ubicacións posibles, como bibliotecas, ludotecas, o Verbum e incluso cafeterías. Informou a concelleira que durante este trimestre serán 274 as actividades organizadas para a normalización do galego entre os estudantes desde cero anos ata o bacharelato, en colaboración cos equipos de normalización dos colexios e con reunións trimestrais para programar e avaliar o resultado das iniciativas.
Descargar todas as imaxes