Escoitar

O Concello pactará co sector unha nova ordenanza para dar "garantías de competencia" ao comercio

Así o anunciou hoxe martes o alcalde, despois dunha xuntanza de traballo con representantes das asociacións de mercados, federacións de comerciantes e centros comerciais abertos. Caballero avanzou a posta en marcha "inmediata" dunha campaña contra a venda ilegal de produtos perecedoiros.

martes, 5 nov 2013
1383656896comercio.JPG
En colaboración co sector, o goberno de Vigo iniciará a reforma da ordenanza municipal de comercio e venda ambulante, unha decisión coa que o Concello busca a necesaria adaptación aos tempos da normativa e ofrecer garantías de competencia ao pequeno e comercio vigués.

Así o comunicou hoxe martes Abel Caballero, despois dunha reunión mantida con numerosos representantes desta área, pertencentes a asociacións e federacións de comerciantes e aos centros comerciais abertos. O prazo de elaboración da nova ordenanza é de dous meses, coa finalidade de que no próximo mes de febreiro estea pactada co sector e en disposición de ser levada ao Pleno para a súa aprobación.

Ante os medios de comunicación, o alcalde avanzou ademais que o Concello de Vigo iniciará "de inmediato" unha campaña contra a venda ilegal de produtos perecedoiros en aplicación da actual ordenanza e posteriormente doutros como a roupa.

"Constatamos que se está a producir unha proliferación importante, cada vez hai máis venda ilegal de produtos perecedoiros", apuntou o alcalde, o que conleva "competencia desleal" ao pequeno e mediano comercio e non ofrece as "garantias" sanitarias requeridas. "Non imos tolerar a competencia desleal ao pequeno e mediano comercio, que xa ten que soportar a crise, e esixiremos o cumprimento da normativa sanitaria aplicable", o que prohibe a venda ambulante de produtos como o peixe, por exemplo.
Descargar todas as imaxes